Transición Ecolóxica continúa os traballos de conservación e posta en valor no Parque Rosalía de Castro

A área municipal vén de completar novas actuacións de mantemento e mellora do espazo, centradas no adecentamento do mobiliario urbano e na eliminación de pintadas en distintos elementos do recinto.

Estas intervencións enmárcanse na folla de ruta impulsada polo Concello para reforzar a conservación dun dos espazos verdes máis emblemáticos da cidade de cara á súa futura declaración como Ben de Interese Cultural na categoría de Xardín Histórico.

Martes, 28 de abril de 2026
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Transición Ecolóxica continúa os traballos de conservación e posta en valor no Parque Rosalía de Castro

O Concello de Lugo, a través da área de Transición Ecolóxica, continúa desenvolvendo actuacións de conservación e mellora no Parque Rosalía de Castro, dentro da estratexia municipal orientada á posta en valor deste enclave histórico e natural, considerado un dos espazos verdes máis singulares e representativos da cidade.

Nos últimos días executáronse novas tarefas de mantemento centradas na posta a punto do mobiliario urbano existente e na eliminación de pintadas, actuacións coas que se busca mellorar a imaxe xeral do parque, reforzar o seu coidado e preservar as condicións de uso dun espazo que constitúe un referente ambiental, patrimonial e social para a veciñanza lucense.

En concreto, levouse a cabo a reparación e pintado das 108 papeleiras distribuídas polo recinto, ademais de traballos específicos de limpeza e retirada de grafismos e pintadas en distintos elementos do parque, favorecendo unha imaxe máis coidada e acorde co valor histórico e paisaxístico deste espazo.

Estas intervencións dan continuidade ás actuacións executadas nos últimos meses, entre as que destacan a renovación do pavimento dos camiños interiores mediante a nivelación do terreo e a reposición do firme, a rehabilitación de elementos deteriorados e os labores continuados de conservación da flora e do arborado singular que alberga o parque, conformando unha liña de traballo sostida orientada á súa protección integral.

Todo este labor acompaña a tramitación do expediente para a declaración do Parque Rosalía de Castro como Ben de Interese Cultural (BIC) na categoría de Xardín Histórico, unha iniciativa impulsada polo Concello de Lugo en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela, encargada da elaboración da documentación técnica necesaria para a súa tramitación. O expediente, que se atopa xa na súa fase final, será presentado proximamente, culminando un intenso traballo técnico orientado a acreditar os valores históricos, botánicos, paisaxísticos e culturais dun espazo único no contexto urbano galego.

A futura catalogación permitirá reforzar a protección deste enclave emblemático e establecer directrices específicas para a súa conservación, garantindo a preservación do seu patrimonio natural, histórico e cultural para as vindeiras xeracións.

Multimedia

  • Transición Ecolóxica continúa os traballos de conservación e posta en valor no Parque Rosalía de Castro

Noticias relacionadas