Un novo circuíto totalmente peonil no casco histórico protagoniza a 4ª proba do Corre con Nós

Como principal novidade, o percorrido discorrerá integramente polo interior do casco histórico, con saída e chegada na Praza da Mosqueira, recuperando este espazo como centro neurálxico da proba.

A xornada adianta os seus horarios para evitar a coincidencia con outras actividades culturais previstas na cidade, facilitando a participación e asistencia a ambos eventos.

O edil de Deportes, Jorge Bustos, destaca que “seguimos apostando por integrar o deporte na cidade, levando o Corre con Nós a espazos emblemáticos e garantindo a convivencia coa ampla programación cultural prevista”.

Venres, 17 de abril de 2026
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Un novo circuíto totalmente peonil no casco histórico protagoniza a 4ª proba do Corre con Nós

O circuíto Larsa Corre con Nós celebra este sábado 18 a súa cuarta proba do calendario municipal cunha importante novidade: a estrea dun novo circuíto totalmente peonil que discorre integramente polo interior do casco histórico, con saída e chegada na Praza da Mosqueira. Ademais, a organización decidiu adiantar os horarios das probas co obxectivo de evitar coincidencias con outras actividades culturais que se desenvolverán na cidade ao longo da xornada.

O concelleiro de Deportes, Jorge Bustos, salientou que “esta adaptación dos horarios responde á vontade de facer compatibles os distintos eventos que enchen a cidade durante a fin de semana, permitindo que a cidadanía poida gozar tanto do deporte como da programación cultural”.

O novo percorrido permitirá aos participantes transitar por espazos emblemáticos da cidade que se incorporan por primeira vez ao Corre con Nós, como a Ronda da Muralla (entre Rúa Santiago e Rúa Vilalba), Praza Pío XII, Rúa Bo Xesús, Praza Santa María, Praza Maior, Praza Santo Domingo, Rúa Quiroga Ballesteros, Rúa Bolaño Rivadeneira, Praza Ferrol, Rúa San Marcos, Rúa Progreso, Rúa San Pedro, Praza Anxo Fernández Gómez, Praza Campo Castelo, Ronda da Muralla, Rúa Bispo Aguirre e Rúa dos Clérigos, espazos habituais doutros eventos culturais e deportivos da cidade.

Horarios e percorridos

No que respecta ao desenvolvemento da proba, establécense os seguintes horarios —xa adaptados ao adianto da xornada— e trazados:

17:00 h. CATEGORÍA MINI (200 m)

  • Saída: Ronda da Muralla (fronte a Maristas) > Meta: Mosqueira

17:10 h. CATEGORÍA SUB10 - SUB12 (750 m)

  • Saída: Mosqueira > Ronda da Muralla > Rúa Bispo Aguirre > Praza Maior > Praza Campo Castelo > Porta Campo Castelo > Meta: Mosqueira

17:20 h. CATEGORÍA SUB14 - SUB16 (1.500 m)

(2 voltas ao circuíto SUB10-SUB12)

  • Saída: Mosqueira >
  • 1ª volta: Ronda da Muralla > Rúa Bispo Aguirre > Praza Maior > Praza Campo Castelo > Porta Campo Castelo > Mosqueira >
  • 2ª volta: Ronda da Muralla > Rúa Bispo Aguirre > Praza Maior > Praza Campo Castelo > Porta Campo Castelo > Meta: Mosqueira

17:30 h. CATEGORÍA ADULTOS (5.000 m)

  • Saída: Mosqueira >
  • 1ª volta: Ronda da Muralla > Entrada por Porta Santiago > Rúa Bo Xesús > Praza Santa María > Praza Maior > Rúa da Raíña > Praza Santo Domingo > Rúa Quiroga Ballesteros > Rúa Bolaño Rivadeneira > Rúa San Marcos > Praza Santo Domingo > Rúa Progreso > Rúa San Pedro > Praza Anxo Fernández Gómez > Porta Campo Castelo
  • 2ª volta: Ronda da Muralla > Rúa Bispo Aguirre > Rúa dos Clérigos > Rúa Bo Xesús > Praza Santa María > Praza Maior > Rúa da Raíña > Praza Santo Domingo > Rúa Quiroga Ballesteros > Rúa Bolaño Rivadeneira > Rúa San Marcos > Praza Santo Domingo > Rúa do Progreso > Rúa San Pedro > Praza Anxo Fernández Gómez > Porta Campo Castelo > Meta Mosqueira

Para esta proba, a inscrición no circuíto acada os 2.435 atletas, cunha previsión de participación aproximada de 800 corredores entre todas as categorías, que contarán con avituallamento final cortesía de Larsa e Coca-Cola.

O dispositivo organizativo contará con 28 puntos de control, atendidos pola Policía Local (6 unidades) e un total de 22 persoas entre voluntariado e persoal da organización, que velarán polo correcto desenvolvemento da proba e pola convivencia entre peóns e atletas.

A infraestrutura de saída e chegada comezará a instalarse na mañá do sábado e a previsión é que a xornada conclúa arredor das 18:30 horas, coa entrega de premios das categorías inferiores prevista para as 17:30 horas.

Como recordatorio, a organización recomenda aos participantes acudir coa suficiente antelación debido ao adianto dos horarios e ás posibles afeccións derivadas da coincidencia con outras actividades culturais na cidade.

Lémbrase que as novas inscricións, así como aqueles participantes que aínda non recolleran o seu dorsal, poden facelo na tenda Ndorfina Sports.

Multimedia

  • Un novo circuíto totalmente peonil no casco histórico protagoniza a 4ª proba do Corre con Nós

Noticias relacionadas