A actuación permitirá humanizar 2.000 metros cadrados de espazo público no marco do proxecto europeo Novo Norte, cun investimento previsto próximo aos 400.000 euros.
O proxecto incluirá a remodelación integral da zona verde e do espazo infantil, melloras de accesibilidade, nova iluminación, máis arborado e solucións sostibles orientadas a reducir o efecto illa de calor.
O Concello acometerá ademais de maneira inminente a renovación integral do parque infantil da Ronda Xosé Castiñeira e supera xa os 1,8 millóns de euros investidos na mellora de áreas de xogo infantil nos últimos anos.
“Seguimos impulsando un Lugo máis verde, máis amable e con espazos públicos de maior calidade, pensados para convivir, desfrutar e mellorar a vida nos barrios”, sinalou Miguel Fernández, alcalde de Lugo.
O Concello de Lugo vén de dar o primeiro paso efectivo para acometer a transformación integral da Praza de San Lourenzo, coa activación da fase técnica previa á execución dunha actuación estratéxica chamada a converter este ámbito nun novo espazo público verde, accesible e adaptado aos retos climáticos. A intervención, integrada dentro do proxecto europeo Novo Norte, permitirá actuar sobre unha superficie aproximada de 2.000 metros cadrados cun investimento estimado próximo aos 400.000 euros, aos que se suma agora a contratación da redacción do proxecto técnico, cun importe de 17.545 euros.
“Cada novo investimento en espazo público é unha aposta directa pola calidade de vida da veciñanza. Queremos un Lugo máis verde, máis amable e con barrios cada vez mellor equipados, onde a infancia, a convivencia e a sustentabilidade ocupen un lugar central”, incidiu Miguel Fernández, alcalde de Lugo.
Un novo espazo público máis verde, accesible e climáticamente adaptado
A actuación prevista na Praza de San Lourenzo forma parte da liña Zonas de Confort Climático do Plan de Actuación Integrado Novo Norte, unha das iniciativas estratéxicas coas que o Concello busca avanzar na rexeneración urbana da zona norte da cidade, mellorando a calidade ambiental dos espazos públicos e reforzando a súa funcionalidade como lugares de convivencia.
Co inicio desta fase técnica, o Concello deixa xa encamiñada a futura execución dunha intervención integral que contemplará a reordenación da praza e da súa contorna inmediata, con melloras en pavimentación, accesibilidade universal, itinerarios peonís, iluminación LED, mobiliario urbano e renovación da infraestrutura verde. Ademais, incorporaranse solucións baseadas na natureza para incrementar a permeabilidade do solo, mellorar a drenaxe da auga pluvial, reforzar a presenza de arborado e vexetación e contribuír á redución da temperatura superficial do espazo, mitigando o efecto coñecido como illa de calor urbana.
Dentro desta transformación tamén se acometerá a remodelación da área infantil existente, garantindo a continuidade dun espazo de xogo integrado nun entorno máis seguro, máis confortable e mellor adaptado ao uso cotián da cidadanía.
Nova actuación no parque infantil da Ronda Xosé Castiñeira
Paralelamente, o Concello de Lugo iniciará de maneira inminente as obras de renovación integral da área de xogos infantís situada na Ronda Xosé Castiñeira, cun investimento de 48.394,92 euros con cargo a fondos municipais.
A actuación permitirá modernizar un espazo cunha antigüidade próxima aos vinte anos que presentaba un importante deterioro derivado do paso do tempo e da falta de renovación integral, sendo ademais a única área infantil do casco urbano que aínda conservaba un pavimento de area, sen superficie continua de seguridade.
A reforma incluirá a renovación integral do espazo, coa instalación dun novo pavimento continuo de seguridade, substitución do peche perimetral e incorporación de novos elementos de xogo, entre eles unha estrutura de trepa, un multixogo inclusivo con forma de locomotora adaptado tamén para nenos e nenas con mobilidade reducida e un novo columpio dobre, mellorando tanto a seguridade como a accesibilidade e a calidade do espazo de xogo.
Máis de 1,8 millóns de euros investidos na mellora de parques infantís
Esta nova actuación dá continuidade ao importante esforzo inversor realizado polo Concello de Lugo na modernización e mellora das áreas infantís da cidade, cun investimento acumulado que supera xa os 1,8 millóns de euros nos últimos anos.
Neste período executáronse actuacións destacadas como os novos parques da Praza de Agro do Rolo, Praza da Bretaña ou Augas Férreas, así como importantes remodelacións en espazos como Campo Castelo, O Castiñeiro, Praza da Milagrosa, Avenida das Américas, Paseo do Miño, San Roque ou Praza de San Xoán, entre outros.
Con esta nova folla de actuacións, o Concello reforza a súa aposta por seguir creando espazos públicos máis coidados, máis inclusivos, máis sostibles e mellor adaptados ás necesidades actuais da veciñanza.

