- Tema
Luns, 06 de xullo de 2026
Fonte:
Gabinete de Prensa

A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe a primeira modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT) desde a súa entrada en vigor no ano 2020. Trátase da primeira actualización dun documento concibido como unha ferramenta dinámica para adaptar a organización municipal ás necesidades dos servizos e á evolución da propia Administración.
A modificación foi consensuada por unanimidade na Mesa Xeral de Negociación, co respaldo de todas as organizacións sindicais con representación no Concello, culminando un intenso traballo de diálogo desenvolvido nas últimas semanas. Desde a constitución do novo Goberno municipal celebráronse tres mesas de traballo e tres mesas de negociación, que permitiron alcanzar un acordo sobre esta actualización.
A revisión da RPT incorpora melloras organizativas en diferentes áreas municipais, adapta a estrutura do Concello ás necesidades actuais dos servizos e actualiza un documento que permanecía sen modificacións desde a súa aprobación no ano 2020, contribuíndo a unha organización máis eficiente e a responder ás necesidades tanto do persoal municipal como da cidadanía.
Entre as modificacións aprobadas figura, entre outras, a adaptación da categoría profesional dos músicos da Banda Municipal, un paso imprescindible para desbloquear a reapertura da Escola Municipal de Música durante o curso 2026-2027, despois de permanecer dous cursos sen actividade así como executar as sentenzas firmes algunhas pendentes dende o ano 2021.
Máis protección para o persoal municipal e reforzo da prevención de incendios
No ámbito do persoal, a Xunta de Goberno Local aprobou o proxecto do Regulamento de Funcionamento Interno do Comité de Seguridade e Saúde do Concello de Lugo, un documento imprescindible que ata o de agora non existía e que permitirá dotar de seguridade xurídica o funcionamento deste órgano e os acordos que nel se adopten en materia de prevención de riscos laborais.
O texto foi aprobado previamente por unanimidade polos integrantes do Comité de Seguridade e Saúde na reunión celebrada o pasado 3 de xuño e conta cos informes preceptivos para continuar a súa tramitación.
Con esta iniciativa, o Goberno municipal reforza o seu compromiso coa protección das persoas que traballan no Concello, promovendo un marco de funcionamento máis seguro, ordenado e garantista en materia de prevención de riscos laborais.
Así mesmo, o Concello porá en marcha o proceso de selección dos cinco integrantes da brigada municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais, tras aprobarse a delegación da aprobación das bases da convocatoria.
A brigada prestará servizo ao abeiro do convenio subscrito coa Consellería do Medio Rural e permitirá reforzar as actuacións de prevención e defensa contra os incendios forestais durante a campaña de 2026. O programa está cofinanciado polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER), no marco do Plan Estratéxico da Política Agraria Común 2023-2027.
O Goberno municipal tramitou este expediente coa máxima prioridade para garantir que Lugo poida contar este verán con este reforzo, despois de que na pasada anualidade non chegase a formalizarse a contratación da brigada ao non completarse a tramitación dentro dos prazos establecidos. A brigada de prevención terá que estar que estar operativa tres meses dende que se asine o contrato.
Deportes
A Xunta de Goberno Local aprobou tamén o inicio da contratación da subministración de medallas, camisetas e trofeos destinados ás actividades organizadas pola área de Deportes, cun orzamento de 27.920 euros, garantindo o material necesario para o correcto desenvolvemento das competicións e eventos deportivos municipais.
Urbanismo
No ámbito urbanístico, a Xunta de Goberno Local concedeu licenza para a rehabilitación e ampliación dun inmoble situado na rúa San Pedro, número 36, cun investimento de 442.510 euros.
A actuación permitirá habilitar un local comercial na planta baixa, 13 estudos —un deles adaptado— e tres apartamentos turísticos, contribuíndo á recuperación do parque inmobiliario do Casco Histórico e á dinamización desta contorna.
Así mesmo, aprobouse o expediente de expropiación forzosa, polo procedemento de taxación conxunta, dos bens e dereitos necesarios para a execución do Plan Parcial do sector SUD S-16R, situado na contorna do Carrefour.
Trátase dun novo avance na tramitación deste ámbito de desenvolvemento urbanístico que permitirá continuar coa súa execución.
Finalmente, aprobouse a modificación do contrato e a primeira prórroga do servizo de colaboración na inspección tributaria municipal, garantindo a continuidade deste apoio técnico entre o 28 de xullo de 2026 e o 27 de xullo de 2027.
Conciliación
No ámbito da conciliación, tamén se adxudicou á empresa Ludus Tempori Sociedade Cooperativa Galega o contrato para a prestación do programa municipal Camiño ás Aulas, por importe de 26.888,75 euros e cunha duración dun ano.
Este servizo facilita o acompañamento diario do alumnado dos centros públicos de Educación Infantil e Primaria ata os seus centros educativos mediante itinerarios seguros atendidos por monitores, favorecendo a autonomía dos escolares e contribuíndo á conciliación da vida familiar
Outros temas de persoal:
- resolución da convocatoria de concurso para provisión de varios postos de traballo de xefe/a de gtrpo
- Desestimación dos recursos de alzada e reposición nun proceso selectivo para o acceso en propiedade a unhas prazas de técnico medio de xestión.
Finalmente, aprobouse a modificación do contrato e a primeira prórroga do servizo de colaboración na inspección tributaria municipal, garantindo a continuidade deste apoio técnico durante un novo ano.


