
Este avance permitirá iniciar a regularización dunha urbanización que levaba máis de vinte anos pendente dunha solución definitiva, poñendo fin a unha prolongada situación de incerteza xurídica e avanzando cara a un desenvolvemento ordenado deste ámbito residencial.
A recepción parcial supón un paso fundamental para incorporar progresivamente a urbanización ao patrimonio municipal e continuar completando todos os requisitos necesarios para a súa recepción definitiva.
Co obxectivo de acelerar este proceso, o Concello asumirá tamén a tramitación e a execución das obras necesarias para o soterramento da liña de media tensión, unha actuación imprescindible para completar a recepción total da urbanización. O custo destes traballos será asumido polas xuntas de compensación, é dicir, polos propietarios, mentres que será o propio Concello o que execute directamente as obras para axilizar os trámites, reducir os prazos e facilitar o remate deste proceso urbanístico.
A alcaldesa, Elena Candia, destacou que esta decisión "demostra a vontade deste Goberno de afrontar con rigor aqueles asuntos que levaban demasiados anos sen resolverse".
Candia subliñou que este avance é froito do traballo técnico realizado polos servizos municipais e dunha forma de gobernar baseada no diálogo e na colaboración.
"Este proxecto tamén demostra que, cando hai vontade de chegar a acordos e de colaborar entre todas as partes implicadas, é posible desbloquear situacións que parecían imposibles. Ese é o modelo de xestión que queremos para Lugo: resolver problemas, ofrecer seguridade xurídica e cumprir os compromisos adquiridos coa cidadanía", concluíu a alcaldesa.


