O Concello implantará un período de adaptación dun ano antes da aplicación da Zona de Baixas Emisións

A alcaldesa supervisou esta semana o avance da instalación das cámaras que controlarán o acceso a ZBE, cuxa execución estase levando a cabo  segundo o calendario previsto para que toda a infraestrutura estea operativa antes do 30 de setembro; o texto da ordenanza da ZBE se votará no pleno deste mes de  xullo

Domingo, 19 de xullo de 2026
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello implantará un período de adaptación dun ano antes da aplicación da Zona de Baixas Emisións

A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, e a concelleira de Participación e Servizos á Veciñanza, Mar Carballas, mantiveron esta semana unha reunión de seguimento co director de TEVA S.L., Raúl García Platas, empresa adxudicataria do contrato para a subministración e instalación do sistema de cámaras da Zona de Baixas Emisións (ZBE).

Durante o encontro, a empresa confirmou que xa se iniciaron os traballos e trasladou ao Concello o seu compromiso de cumprir co prazo de execución previsto, de maneira que a instalación estea rematada a finais do mes de agosto.

A actuación, cun investimento de 703.822 euros, continúa avanzando segundo o calendario establecido para dotar a cidade da infraestrutura tecnolóxica necesaria para a posta en funcionamento da Zona de Baixas Emisións.

A colocación destes dispositivos é unha actuación imprescindible para a implantación da ZBE. O contrato inclúe tanto o hardware necesario —cámaras, sensores, paneis informativos dinámicos, servidores, equipos e outros dispositivos tecnolóxicos— como o software de control e monitorización encargado de recoller e xestionar os datos das matrículas captadas polos distintos sistemas.

Neste contexto, o goberno local informou que levará ao pleno ordinario deste mes de xullo a ordenanza reguladora da circulación no casco histórico como Zona de Baixas Emisións. A súa aprobación permitirá culminar a implantación da Zona de Baixas Emisións en cumprimento da normativa europea, que establece este tipo de zonas para todas as cidades de máis de 50.000 habitantes, antes do 30 de setembro deste ano, co obxectivo de contribuír á mellora da calidade do aire e á redución das emisións contaminantes.

Con todo, o goberno local decidiu incorporar ao texto un período de adaptación dun ano. Durante ese tempo, o Concello centrará os seus esforzos en informar á cidadanía sobre o funcionamento da Zona de Baixas Emisións facilitando que veciños e visitantes poidan familiarizarse coa nova regulación.

Multimedia

  • O Concello implantará un período de adaptación dun ano antes da aplicación da Zona de Baixas Emisións

Noticias relacionadas