O novo contrato de extraescolares incrementa a coordinación e reforza a atención á diversidade funcional.
A adxudicación técnica do auditorio asegura iluminación, son e persoal especializado para a súa actividade.

O Tenente de Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, deu conta esta mañá en rolda de prensa dos principais asuntos acordados na Xunta de Goberno Local celebrada hoxe.
Entre os puntos tratados, aprobouse a apertura do procedemento para a adquisición dun dumper destinado ao cemiterio municipal. O contrato tramitarase mediante procedemento aberto simplificado e contará cun orzamento de 42.000 euros, IVE incluído.
No ámbito educativo, a Xunta de Goberno Local acordou a adxudicación do servizo de actividades extraescolares, unha decisión que, segundo explicou Arroxo, chega tras un curso no que “o contrato que había en vigor deu problemas e tivo que ser sancionado”.
O novo programa desenvolverase entre os meses de outubro e maio, cun total de 74 horas semanais durante as 32 semanas do curso. Neste sentido, Arroxo detallou que “o novo servizo vai ofrecerse aos centros con 74 horas semanais e aumenta as horas de coordinación, que pasan de 9 a 15, atendendo ás peticións das ANPAs e dos equipos directivos”.
O servizo foi adxudicado á empresa ACTIVIDADES FORMATIVAS S.L. por un importe anual de 58.380 euros, incluíndo tamén “40 horas semanais de reforzo para nenas e nenos con diversidade funcional”, tal e como subliñou o tenente de Alcalde. O contrato terá vixencia durante os anos 2026 e 2027, con posibilidade de prórroga ata o ano 2031.
Por outra banda, aprobouse a adxudicación da dotación técnica para o Auditorio Gustavo Freire, un contrato que, en palabras de Arroxo, “levaba moito tempo traballándose e xa se intentara adxudicar anteriormente sen éxito”.
Este contrato abrangue as necesidades integrais do auditorio, incluíndo iluminación —luces, mesas de control, maquinaria e cableado—, sonorización —altofalantes, equipos de son, microfonía e cableado—, así como o persoal técnico e de sala necesario para o seu funcionamento. “É un contrato que cobre todas as necesidades técnicas, tanto de iluminación como de son, así como o persoal de acceso e de sala”, explicou.
A adxudicación realizouse á empresa ALENTI SOLUCIONES PARA EVENTOS, SLU, cun orzamento anual de 148.016,53 euros. O contrato terá unha duración inicial dun ano, con posibilidade de prórroga ata un máximo de cinco anos.
Audio
- O Tenente de Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, sobre a Xunta de Goberno Local | Descargar mp3

