O Concello de Lugo pon en marcha o CALA, un catálogo arqueolóxico virtual dos máis completos do país, con case 200 pezas dixitalizadas

O Servizo de Arqueoloxía leva anos traballando para seleccionar e reunir nesta web a máxima información destes restos, como mapas de xeolocalización, imaxes en 3D ou ampla bibliografía.

O Catálogo Arqueolóxico Lucus Augusti é un dos máis amplos do país e con maior número de restos, elixidos de entre as escavacións realizadas ao longo dos últimos 40 anos e das pezas máis antigas expostas en museos.

O alcalde sinala que é unha innovadora ferramenta para coñecer centos de pezas que pese ao seu gran valor, non está expostas ao público en espera do tan demandado Museo da Romanización”.

Xoves, 30 de abril de 2026
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello de Lugo pon en marcha o CALA, un catálogo arqueolóxico virtual dos máis completos do país, con case 200 pezas dixitalizadas

O Servizo de Arqueoloxía do Concello de Lugo vén de poñer en marcha o CALA, o Catálogo Arqueolóxico Lucus Augusti, unha ferramenta virtual innovadora e das máis completas do país, polo seu amplo contido así como pola información e aplicacións dispoñibles, que permitirá coñecer de preto case 200 pezas arqueolóxicas para achegarse á historia e ás orixes da nosa cidade, con detalles destes restos, descubertos ao longo da historia da cidade e das últimas catro décadas de escavacións arqueolóxicas. A área de Arqueoloxía leva anos traballando nesta web, á que xa pódese acceder desde a propia páxina do Concello ou a través dun enlace, para coñecer toda a información relativa a cada unha das pezas, con mapas de xeolocalización, imaxes en 3D e toda a bibliografía dispoñible sobre cada un dos restos. A principal novidade, sinala o alcalde de Lugo “é que haberá imaxes en 3D de case 200 pezas, que foron dixitalizadas, polo que moitos dos vestixios que non están expostos en museos e salas de exposición poderanse coñecer a partir de agora a través desta web”.

Miguel Fernández cre que “pese á gran utilidade e ás novidades que incorpora esta web, desde o punto de vista arqueolóxico e didáctico, tamén pon de manifesto a necesidade de contar cun espazo físico adecuado, como é o tan demandado Museo da Romanización, para a exposición das máis de 25.000 pezas e vestixios descubertos ao longo das distintas escavacións realizadas na nosa cidade e que están agardando desde hai décadas para ser expostas, no que podería ser ademais un reclamo turístico e cultural máis para a nosa cidade”.

Por iso, este CALA ven a divulgar unha gran parte de restos descoñecidos ata agora polo público, cun claro afán de dar a coñecer o rico patrimonio histórico de Lugo. Neste sentido, o rexedor lucense, de quen depende directamente a área municipal de Arqueoloxía, asegura que “puxéronse todos os medios a disposición deste proxecto para crear esa ferramenta dixital concibida para a documentación, organización e difusión do patrimonio arqueolóxico da cidade”.  Ademais, dáse a circunstancia de que este CALA sae á luz xusto cando se cumpren os 40 anos de excavacións arqueolóxicas na cidade de Lugo.

O novo catálogo permite, a través dunha interface accesible e visual, consultar de forma estruturada un conxunto de pezas e elementos arqueolóxicos vinculados á súa localización orixinal ou documentada dentro do contorno urbano. O proxecto combina dous enfoques habitualmente separados: por unha banda, a lóxica de catálogo, con fichas individuais normalizadas e organizadas por tipoloxías; e, pola outra, a visualización xeográfica, que sitúa cada elemento sobre o mapa, facilitando a súa comprensión en relación coa cidade actual. Este sistema e os conceptos e información que incorpora facilita o emprego do CALA por arqueólogos expertos, persoas profanas na materia, guías turísticos que queiran incorporar máis detalles as súas rutas, e tamén polo ámbito educativo, nas distintas etapas da ensinanza.

En canto ás melloras que introduce este catálogo respecto a outros sistemas de documentación patrimonial, o arqueólogo municipal, Enrique González, destaca “a contextualización espacial real, xa que cada peza preséntase vinculada á súa localización, permitindo entender a súa relación co territorio e coa evolución urbana; o acceso claro e directo á información, evitando a complexidade dos visores técnicos ou das bases de datos institucionais; un sistema estruturado e escalable, por familias ou categorías cun maior orde; a lixeireza tecnolóxica, cunha web sinxela, intuitiva e rapida; e o enfoque divulgativo sen perder rigor, cun equilibrio entre a precisión dos contidos cunha presentación accesible para todo tipo de públicos”.

Dixitalización e difusión 3D

A gran diferencia respecto á maioría de páxinas deste tipo é a incorporación de modelos tridimensionais. Isto constitúe o elemento central do proxecto, ao integrar nun mesmo contorno a documentación avanzada e a difusión accesible do patrimonio arqueolóxico. Así, gracias á dixitalización 3D, pódese xerar un rexistro preciso e verificable das pezas, conservando a súa xeometría e estado nun momento determinado, explican os responsables do CALA.

Este tipo de documentación facilita a análise sen manipulación directa, contribúe á conservación preventiva e actúa como respaldo ante posibles procesos de deterioro ou intervención. Ademais, os modelos dixitais son reutilizables e integrables noutros contextos, optimizando o aproveitamento dos recursos xerados. No ámbito da difusión, explica o arqueólogo municipal “o 3D transforma a experiencia de acceso ao patrimonio, porque fronte á imaxe estática, permite unha exploración interactiva que mellora a comprensión das pezas, facilitando a súa observación desde calquera ángulo e ampliando o acceso a elementos non expostos ou de difícil consulta”.

Ademais, entre os elementos que marcan o novo catálogo e que o distinguen doutros figura a integración de varios aspectos nun único contorno: escala urbana concreta, centrada na cidade de Lugo; a relación directa entre peza e localización; o modelo híbrido entre visor xeográfico e catálogo estruturado; a integración de contido 3D como parte activa da documentación, e o deseño orientado á experiencia de usuario.

Rareza e carácter singular da actuación

Enrique González chama a atención sobre o carácter pouco frecuente no ámbito do patrimonio arqueolóxico a escala municipal. Así, sinala que “habitualmente, os sistemas existentes limítanse a bases de datos técnicas, visores cartográficos independentes ou coleccións dixitais sen vinculación territorial directa”. Sen embargo, neste caso, o proxecto “propón unha integración real e operativa de catálogo, xeolocalización e dixitalización 3D, aplicada de forma específica a unha única cidade”. Esta combinación é moi pouco habitual, especialmente baixo un enfoque que equilibra rigor técnico, accesibilidade e viabilidade tecnolóxica. A singularidade do proxecto radica, polo tanto, “na unificación de múltiples ferramentas nun único sistema coherente; a súa aplicación a escala urbana cun alto nivel de detalle; a incorporación do 3D como elemento estrutural, non accesorio e a súa orientación simultánea á xestión, investigación e difusión pública”, explica o arqueólogo municipal.

Para o alcalde de Lugo, Miguel Fernández, en definitiva “fíxose un importante e exhaustivo traballo para crear un novo catálogo que non é unicamente unha base de datos nin un visor cartográfico, senón que é unha ferramenta que permite explorar o patrimonio arqueolóxico de Lugo de forma contextualizada, estruturada e accesible, integrando información, localización e representación tridimensional nun mesmo contorno dixital”. Ademais de todos estes aspectos, o rexedor municipal chama a atención sobre “a posibilidade que abre este CALA para ampliar documentación, conservación e difusión do patrimonio, reforzando o seu valor técnico, social e educativo”.

Multimedia

  • O Concello de Lugo pon en marcha o CALA, un catálogo arqueolóxico virtual dos máis completos do país, con case 200 pezas dixitalizadas
  • O Concello de Lugo pon en marcha o CALA, un catálogo arqueolóxico virtual dos máis completos do país, con case 200 pezas dixitalizadas
  • O Concello de Lugo pon en marcha o CALA, un catálogo arqueolóxico virtual dos máis completos do país, con case 200 pezas dixitalizadas

Noticias relacionadas