O Concello de Lugo ultima a posta en marcha do centro enogastronómico da Fábrica da Luz coa dotación do seu equipamento interior

A actuación completa a dotación do espazo cun investimento de máis de 108.000 euros financiado con fondos europeos.

O equipamento permitirá o funcionamento operativo do centro para showcookings, formación e actividade profesional.

“Estamos a dar un paso decisivo para que a Fábrica da Luz funcione desde o primeiro día con solvencia e capacidade real de dinamización económica”, sinala Mauricio Repetto.

Mércores, 15 de abril de 2026
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello de Lugo ultima a posta en marcha do centro enogastronómico da Fábrica da Luz coa dotación do seu equipamento interior

O Concello de Lugo avanza na fase final da transformación da Fábrica da Luz co equipamento integral do seu interior, un paso clave para a posta en funcionamento inminente do futuro centro enogastronómico da cidade, integrado no Plan de Sostibilidade Turística “ET EDENDO LUCUS”, financiado con fondos europeos Next Generation.

“Non estamos falando só de mobiliario, senón da configuración completa dun espazo preparado para acoller actividade real, desde a formación ata a dinamización profesional do sector”, explicou o concelleiro de Dinamización Económica, Mauricio Repetto, quen subliñou que “cada elemento responde a criterios técnicos e funcionais para garantir un uso intensivo, flexible e sostible no tempo”.

A actuación conta cun investimento de 108.711,24 euros (IVE incluído) e inclúe tanto o subministro como a instalación de todos os elementos necesarios para o funcionamento do centro, así como a ampliación do prazo de garantía dos equipamentos.

O equipamento permitirá dotar o espazo das condicións necesarias para desenvolver as distintas liñas de actividade previstas no proxecto, como showcookings, catas, formación especializada e encontros profesionais vinculados á gastronomía e ao produto local, tal e como define o modelo funcional do centro.

Entre os elementos incluídos destacan as zonas destinadas a degustación e formación, con mesas circulares de gran formato e capacidade para grupos organizados, así como mobiliario específico para zonas de encontro e traballo colaborativo. O proxecto incorpora tamén butacas, bancos e elementos auxiliares que favorecen a versatilidade dos espazos.

No ámbito técnico, o contrato contempla a instalación completa da área de showcooking e cociña profesional, con módulos de mobiliario, encimeiras de alta resistencia, sistemas de fregado, placas de indución, fornos e campás extractoras industriais, ademais de electrodomésticos e equipamento especializado como vinotecas. Estes elementos garantirán que o centro poida acoller actividade formativa e demostracións en directo con todas as garantías técnicas e de seguridade.

A actuación complétase con elementos de iluminación, revestimentos e solucións decorativas que reforzan a identidade do espazo e contribúen a crear unha contorna funcional e atractiva, en coherencia coa rehabilitación do edificio histórico.

“Estamos a actuar con rigor técnico e planificación para que este equipamento sexa útil desde o primeiro momento, non só como espazo expositivo, senón como unha infraestrutura viva ao servizo do sector”, engadiu Repetto.

Esta intervención supón un novo avance na transformación da Fábrica da Luz nun equipamento estratéxico para a cidade, orientado á promoción do produto local, o impulso do talento e a dinamización económica desde unha perspectiva sostible, aliñada cos obxectivos do proxecto europeo “ET EDENDO LUCUS”.

Multimedia

  • O Concello de Lugo ultima a posta en marcha do centro enogastronómico da Fábrica da Luz coa dotación do seu equipamento interior

Noticias relacionadas