Maite Ferreiro: “Ampliamos a programación cultural promocionando tamén as salas museísticas e os seus contidos”.
O 18 de maio, o MIHL acollerá o concerto de Traspielas, con acceso libre ata completar a cabida.

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, anunciou a actividade que organiza a Tenencia de Alcaldía do Concello de Lugo polo Día dos Museos, que se celebra o 18 de maio de 2026. Ferreiro afirmou que “celebramos unha xornada importante nas salas museísticas municipais abríndoas á veciñanza e achegando a Lugo propostas culturais de gran calidade procedentes de Galiza”.
Ferreiro animou á veciñanza a participar na actividade, organizada por TeleClube, que será gratuíta e terá lugar na Caixa Negra do MIHL. A concelleira de Cultura afirmou que “as distintas salas museísticas permítennos coñecer a historia de Lugo, desde a época romana ata os nosos días, e son un gran atractivo tanto para as veciñas e veciños de Lugo como para os miles de turistas que ano tras ano visitan estas instalacións”.
Traspielas é un proxecto musical e artístico liderado por Su Garrido Pombo, que celebra a memoria colectiva da aldea de Traspielas, en Fornelos de Montes. O grupo, integrado tamén por Macarena Montesinos (violonchelo), Iago Ramilo (saxo), Marco Maril (electrónica) e Fran Rodríguez Casal (visuais), combina música tradicional, electrónica e experimentación para reinterpretar cancións tradicionais e crear unha proposta contemporánea que pon en valor a cultura popular local. O proxecto busca preservar e revitalizar a música tradicional, permitindo que estas cancións sigan vivas e formando parte da vida comunitaria. O concerto da banda terá lugar o 18 de maio ás 18:00 horas na Caixa Negra do MIHL, con acceso libre ata completar a cabida do recinto.
O Día Internacional dos Museos celébrase anualmente desde 1977, e ten como obxectivo concienciar sobre a utilidade dos museos como un importante medio para o intercambio cultural e o enriquecemento da sociedade.
Audio
- A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, sobre o Día dos Museos | Descargar mp3


