Maite Ferreiro: “temos que coñecer o que temos máis próximo, no noso entorno, o río é fundamental para a nosa existencia”.
A exposición será visitable entre o 8 e o 30 de maio no Centro Cultural do Vello Cárcere.

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, visitou a instalación da exposición O río que nos move. En 1985, cinco mozos do Baixo Miño decidiron descubrir ese río dende dentro. Construíron unhas canoas e puxeron rumbo á aventura, para concluír a primeira baixada completa e probablemente aínda única. Aquela travesía convértese agora nun proxecto expositivo con mostras en oito concellos significativos, de abril a novembro de 2026, que recuperan a memoria da viaxe e invitan a mirar cara ao noso gran río: o seu estado e valores que nos ofrece. No tempo dos camiños e camiñantes, a do Pai Miño é a gran ruta por descubrir.
O río Miño é máis ca un curso de auga. Nace na serra de Meira e percorre 317 quilómetros ata entregarse ao Atlántico ao pé do monte Trega, atravesando boa parte de Galicia, camiño no que modelou paisaxes e deu vida, riqueza e costumes. Polo seu caudal e traza sobre o mapa, os primeiros galeguistas viron nel un símbolo, ao que designaron Pai Miño.
- TODA A INFO DA MOSTRA EN: https://orioquenosmove.gal/


