Lugo revalida a Escoba de Platino e consolida o seu liderado estatal coa mellora continua na xestión de residuos e o impulso do modelo de biorresiduos

O xurado recoñece a evolución do sistema municipal e a implantación progresiva dun modelo integral de xestión da materia orgánica.

Os datos avalan o modelo: medra a reciclaxe e descende a fracción resto por habitante, consolidando unha tendencia positiva nos últimos anos.

“Lugo está hoxe entre as cidades máis avanzadas do Estado en xestión de residuos porque levamos anos facendo unha aposta firme, planificada e ambiciosa por un modelo máis sostible, eficiente e centrado na economía circular”, afirma o alcalde Miguel Fernández.

Martes, 21 de abril de 2026
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lugo revalida a Escoba de Platino e consolida o seu liderado estatal coa mellora continua na xestión de residuos e o impulso do modelo de biorresiduos

O Concello de Lugo vén de ser distinguido novamente coa Escoba de Platino, a máxima distinción que outorga a Asociación Técnica para a Xestión de Residuos e Medio Ambiente (ATEGRUS), un galardón de ámbito estatal e iberoamericano, en recoñecemento á consolidación dun modelo baseado na mellora continua do seu sistema de limpeza e xestión de residuos e, de maneira específica, ao impulso do modelo de xestión de biorresiduos desenvolvido nos últimos anos.

“Estamos ante un recoñecemento que avala unha traxectoria. Lugo leva anos avanzando cun modelo baseado na planificación, na innovación e na implicación cidadá, o que nos permite situarnos hoxe na vangarda estatal en materia de sostibilidade”, salientou o alcalde, Miguel Fernández.

O xurado valorou especialmente a implantación progresiva dun sistema de xestión da materia orgánica estruturado en catro fases, que inclúe a recollida mediante contedores a pé de rúa, o servizo específico para grandes produtores, a posta en marcha de centros de compostaxe comunitaria e o desenvolvemento do compostaxe individual. Este modelo permite avanzar cara ao peche do ciclo dos residuos, reducindo o volume destinado á fracción resto e favorecendo a súa transformación en recursos e avanzando cara a un modelo de economía circular real.

“Estamos a falar dun cambio de modelo. A xestión dos biorresiduos é clave para seguir reducindo residuos e mellorar os nosos índices de reciclaxe. Os datos confirman que imos na boa dirección e que Lugo está a consolidar un sistema máis eficiente e sostible”, engadiu o rexedor.

Neste sentido, os indicadores dos últimos anos evidencian unha evolución moi positiva. Só no último exercicio, a recollida de envases lixeiros medrou un 4,14%, o papel e cartón un 5,01% e o vidro un 3,32%, mentres que a fracción resto por habitante descendeu, situándose en 0,994 kg/hab/día. Desde 2022, a reciclaxe de envases incrementouse nun 34,95% e a de papel e cartón nun 95,60%, datos que reflicten a consolidación dun modelo baseado na separación en orixe e na economía circular, que sitúa a Lugo entre as cidades máis avanzadas neste ámbito.

A revalidación da Escoba de Platino reforza a posición de Lugo como un dos principais referentes a nivel estatal en limpeza urbana e xestión de residuos, unha liña xa recoñecida en anteriores edicións do certame, nas que o Concello foi distinguido pola modernización do servizo, a incorporación de maquinaria sostible, o cambio ao sistema de carga lateral ou a implantación de novos servizos como o punto limpo móbil.

“Non partimos de cero, este é o resultado de anos de traballo continuo. Cada avance que damos, cada novo servizo que implantamos e cada mellora nos hábitos da cidadanía permítennos seguir consolidando un modelo que hoxe é xa un exemplo a nivel estatal e iberoamericano”, subliñou Miguel Fernández.

O alcalde puxo tamén en valor o papel do persoal municipal e da veciñanza neste proceso: “Detrás destes resultados hai moito esforzo técnico e humano, pero tamén unha cidadanía cada vez máis implicada. Este recoñecemento é colectivo e anímanos a seguir avanzando con máis ambición”.

A entrega oficial do galardón terá lugar o vindeiro 10 de xuño en IFEMA, no marco da Feira Internacional de Urbanismo e Medio Ambiente (TECMA 2026), onde Lugo volverá estar presente como exemplo de boas prácticas na xestión sostible dos residuos.

Audio

  • O alcalde Lugo, Miguel Fernández, sobre a Escoba de Platino | Descargar mp3

Noticias relacionadas