O Concello completa a humanización da Avenida de Madrid coa instalación do sistema de rega para garantir o correcto desenvolvemento das novas zonas verdes

A actuación prepara a infraestrutura verde para a época estival e asegura o mantemento do arborado e das áreas axardinadas.

Máis de 6.000 metros de rega por goteo e sistemas eficientes permitirán optimizar o uso da auga e favorecer o crecemento da vexetación.

“Non abonda con transformar o espazo, temos que garantir que evolucione e se manteña en condicións óptimas ao longo do tempo”, sinalou Miguel Fernández.

Venres, 10 de abril de 2026
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello completa a humanización da Avenida de Madrid coa instalación do sistema de rega para garantir o correcto desenvolvemento das novas zonas verdes

O Concello de Lugo continúa avanzando na mellora da Avenida de Madrid coa instalación do sistema de rega que permitirá completar a intervención de humanización realizada recentemente neste acceso principal á cidade. Esta actuación resulta clave para garantir o correcto desenvolvemento do arborado e das zonas verdes, especialmente de cara aos meses de maior esixencia hídrica.

Neste contexto, o alcalde de Lugo, Miguel Fernández, supervisou os traballos, subliñando a importancia desta fase para asegurar a durabilidade e eficacia da intervención. “Estamos a dar un paso máis, centrado no coidado e no mantemento do espazo público, asegurando que as actuacións realizadas teñan continuidade e impacto real no tempo”, explicou o rexedor.

Os traballos inclúen a instalación de 10 electroválvulas con chaves de paso, filtros, arquetas e programadores a pilas, así como o despregamento de 830 metros de tubaxe principal e 65 metros de tubaxe secundaria. Ademais, estanse a executar máis de 6.100 metros de rega por goteo enterrado nas medianas destinadas a céspede, complementados con sistemas específicos nas rotondas, que incorporan rega por goteo superficial en zonas arbustivas e dispositivos como aspersores e difusores en áreas mixtas.

Esta infraestrutura permitirá optimizar o uso da auga e garantir unha distribución eficiente, adaptada ás necesidades das distintas especies vexetais, favorecendo a súa correcta implantación e crecemento. Ao mesmo tempo, contribúe a mellorar a resiliencia urbana e a capacidade de adaptación fronte ás altas temperaturas.

A posta en marcha deste sistema supón un paso fundamental para asegurar que a nova paisaxe urbana creada na Avenida de Madrid se manteña en condicións óptimas, reforzando o carácter verde, acolledor e sostible deste espazo estratéxico da cidade.

O Concello reafirma así a súa aposta por unha planificación urbana que integra mantemento, sostibilidade e eficiencia, consolidando intervencións que melloran de forma real e duradeira a calidade de vida da cidadanía.

Multimedia

  • O Concello completa a humanización da Avenida de Madrid coa instalación do sistema de rega para garantir o correcto desenvolvemento das novas zonas verdes

Noticias relacionadas