O Concello impulsa tres actuacións finaciadas polo Novo Norte para mellorar a xestión da auga e a recollida de residuos

Luns, 21 de setembro de 2026
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello impulsa tres actuacións finaciadas polo Novo Norte para mellorar a xestión da auga e a recollida de residuos

O Concello de Lugo impulsa tres novas actuacións orientadas a mellorar a xestión dos recursos e facer máis eficientes os servizos municipais, con dous proxectos relacionados coa rede de auga e unha actuación para modernizar a recollida do vidro.

Por unha banda, licitouse a redacción do proxecto de mellora e desenvolvemento do sistema de auga rexenerada de Lugo, co obxectivo de definir como aproveitar a auga depurada para usos autorizados e establecer as instalacións e os sistemas de control necesarios para facelo con todas as garantías. O proxecto estudará tamén o posible aproveitamento de infraestruturas e equipamentos xa existentes.

O orzamento base de licitación para a redacción deste proxecto é de 50.000 euros.

Contedores de vidro intelixentes

O Concello tamén licitou o subministro de contedores de vidro intelixentes, cunha capacidade de 3.000 litros, que incorporarán sensores compatibles cos sistemas municipais e coa plataforma Lugo Smart.

Estes sensores permitirán coñecer o nivel de enchido dos contedores e organizar as rutas de recollida en función desa información, co obxectivo de reducir percorridos innecesarios dos vehículos. Tamén contarán con sistemas de aviso ante situacións como o vuelco ou un incendio.

O orzamento base desta actuación é de 200.000 euros.

Máis control sobre a rede de abastecemento

A terceira licitación é a da redaccióndo proxecto de dixitalización e sectorización dunha parte da rede municipal de abastecemento de auga.

O obxectivo é mellorar o coñecemento e o control da rede, definindo puntos de sectorización e sistemas de medición e control, como caudalímetros e sensores de presión, así como os equipos necesarios para transmitir e integrar a información nos sistemas municipais existentes.O proxecto tamén definirá as obras e elementos necesarios para a súa posterior execución e licitación.

O orzamento base para a súa redacción é de 14.999,99 euros.

 

Noticias relacionadas