A Xunta de goberno impulsa novas actuacións para mellorar rúas, espazos públicos e servizos municipais

Luns, 14 de setembro de 2026
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Xunta de goberno impulsa novas actuacións para mellorar rúas, espazos públicos e servizos municipais

A Xunta de Goberno Local abordou un paquete de actuacións e contratacións que permitirá seguir avanzando no mantemento e mellora dos espazos públicos da cidade, con intervencións concretas en rúas e pavimentos, novos servizos para a conservación das vías urbanas e actuacións en equipamentos municipais.

Entre os principais asuntos figura a adxudicación das obras de renovación do pavimento de Campo Castelo, que serán executadas por Construcciones Sanle Lugo, SL por 82.270,13 euros, IVE incluído. A empresa adxudicataria ofrece, ademais, unha ampliación de 24 meses da garantía, sobre os 12 meses mínimos establecidos.

Tamén se adxudicaron as obras de renovación dos pavimentos da Rúa Nova, a Construcciones Sanle Lugo, SL, por 92.260,15 euros, IVE incluído. O prazo máximo de execución será de dous meses e a empresa amplía tamén en 24 meses a garantía mínima prevista.

Un novo servizo para manter as vías públicas

A Xunta de Goberno Local deu un paso importante para dotar o Concello dun novo servizo de mantemento e conservación das vías públicas da zona urbana, adxudicando os dous lotes nos que se divide o contrato.

O lote 1, correspondente aos pavimentos en xeral, adxudícase a Ogalia Contratas SLU, cun desconto do 4,60 % e un gasto inicial de 250.000 euros.

O lote 2, relativo aos pavimentos de formigóns asfálticos, adxudícase a Ovisa Pavimentos y Obras SLU, cun desconto do 2 % e un gasto inicial de 150.000 euros.

A posta en marcha deste servizo permitirá contar cunha ferramenta específica para actuar no mantemento e conservación das vías públicas urbanas.

Para acompañar estes traballos, a Xunta de Goberno Local aprobou a contratación dos servizos de coordinación de seguridade e saúde dos dous lotes. O gasto de licitación ascende a 5.860,43 euros para cada lote, ademais da previsión para eventuais prórrogas.

Pavimentación dos leirparkins do HULA

Dentro deste mesmo bloque de actuacións sobre os espazos públicos, a Xunta de Goberno Local aprobou o inicio da contratación das obras de pavimentación dos aparcadoiros municipais do HULA, cun orzamento de 340.954,66 euros. O prazo previsto para a execución dos traballos é de dous meses.

Máis avances nos procesos de persoal

No ámbito de persoal, a Xunta de Goberno Local continua avanzando nos procesos selectivos e na cobertura de postos municipais.

Así, designáronse os tribunais cualificadores dos procesos de acceso en propiedade correspondentes a unha praza de oficial fontaneiro/a, unha praza de oficial maquinista fontaneiro/a e unha praza de operario/a de cemiterio, correspondentes á OEP 2023. As dúas primeiras prazas serán mediante promoción interna, mentres que a de operario/a de cemiterio será por quenda de acceso libre.

A sesión abordou tamén os trámites relacionados cos procesos para tres prazas de celador/a de CEIP e unha praza de técnico/a de Educación Infantil, igualmente correspondentes á OEP 2023. No caso dos celadores, convalidouse o gasto de 112,32 euros pola publicación no BOP do anuncio de designación do tribunal, unha tramitación que se anticipou ante a proximidade da caducidade da oferta de emprego público.

No caso da praza de técnico/a de Educación Infantil, convalidouse o gasto correspondente ás taxas pola publicación no BOP do anuncio de designación do tribunal.

Neste mesmo ámbito, propúxose a cobertura temporal en comisión de servizos da Xefatura de Sección de Control Financeiro da Intervención Xeral, mediante o nomeamento de Juan Ignacio San Ildefonso Ladrero. O nomeamento terá unha duración máxima dun ano, prorrogable por outro se o posto non se cobre definitivamente.

A Xunta de Goberno Local abordou tamén a renovación das licenzas e o mantemento do firewall que protexe as aplicacións web municipais, un servizo necesario para garantir a continuidade desta protección. O contrato adxudícase a Acuntia SAU por 66.769,18 euros, IVE incluído, cun gasto distribuído entre as anualidades 2026 e 2031.

Protección ambiental

Outro dos asuntos abordados foi o proxecto de modificación da Ordenanza Municipal de Protección Ambiental, concretamente do artigo 80 relativo á produción de cheiros.

A proposta establece que as plantas de biogás situadas en solo rústico deberán localizarse a unha distancia mínima de 3.000 metros do núcleo de poboación máis próximo.

A modificación busca reforzar a protección ambiental e da saúde pública nun ámbito no que, segundo os informes incorporados ao expediente, non existe actualmente unha regulación autonómica ou estatal específica que determine esta distancia.

Noticias relacionadas