Infraestruturas elabora o plan de tráfico para a renovación da avenida Adolfo Suárez

As obras, que comezarán durante o presente mes, terán unha duración de 7 semanas.

O dispositivo inclúe restricións de tráfico, modificacións de itinerarios e sinalización específica para garantir a seguridade viaria.

Luns, 13 de abril de 2026
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Infraestruturas elabora o plan de tráfico para a renovación da avenida Adolfo Suárez

O edil de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, anunciou que a Tenencia de Alcaldía vén de elaborar o plan de tráfico para a obra de renovación do firme da Avenida Adolfo Suárez, "unha intervención planificada pola Deputación que comezará ao longo do mes de abril", explicou Alexandre Penas. As obras inclúen a reposición do colector de saneamento ao longo da vía, a execución de pozos de rexistro e unha arqueta de grandes dimensións no cruce coa Rúa do Portiño, ademais da rehabilitación do firme entre a rotonda con Serra de Meira e o inmoble número 112 da avenida.

Os trabalos desenvolveranse en 4 fases diferenciadas, que requerirán da ocupación dun carril de circulación, prazas de estacionamento e parte dos espazos laterais, máis sen interromper a circulación da vía en ningún caso. A circulación regularase habilitando un paso alternativo en ambos sentidos mediante sinalización, persoal de obra e semáforos provisionais. Segundo as diversas fases, produciranse cortes nos accesos e saídas da Rúa Venancio Senra e da Rúa do Portiño, ou habilitarase un paso alternativo con regulación semafórica na propia avenida.

En canto aos accesos aos garaxes, manteranse o maior tempo posible, sempre que as características da obra non o impidan, ben pola tipoloxía dos traballos puntuais que se van realizar ou por exemplo: para a execución de pavimentos coincidentes con entradas e saídas de vehículos onde se requira un tempo de execución e/ou secado, etc. Nestes casos, a empresa indicará claramente, coa suficiente antelación, mediante a disposición de carteis e sinais regulamentarios tanto nos accesos rodados de garaxes como nas portas peonís dos edificios atendidos por estes garaxes, as datas nas que non se poderá acceder ou saír deles.

Audio

  • O edil de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, sobre o plan de tráfico | Descargar mp3

Noticias relacionadas