A Xunta de Goberno Local aprobará mañá a licitación dun espazo de máis de 44.000 m² para dar resposta a unha demanda histórica do sector.
A infraestrutura executarase sen custo para o Concello e estará operativa nun prazo máximo de 18 meses.
“Seguimos avanzando en solucións reais para mellorar a actividade económica e atender as necesidades das nosas áreas industriais”, destacou Miguel Fernández.

O Concello de Lugo aprobará mañá na Xunta de Goberno Local as bases para a concesión dun estacionamento de vehículos pesados nas Gándaras, unha actuación destinada a cubrir unha carencia histórica nas principais áreas industriais da cidade.
O alcalde, Miguel Fernández, avanzou hoxe esta medida no encontro mantido con empresarios das Gándaras e do Ceao, no marco das reunións que o Goberno local vén mantendo co tecido produtivo para abordar necesidades e liñas de mellora. “Esta é unha demanda que vimos traballando co sector e que hoxe trasladamos tamén aos empresarios, porque supón un paso importante na mellora dos servizos e da ordenación do espazo industrial”, explicou.
A actuación desenvolverase sobre unha superficie municipal de 44.369 metros cadrados e tramitarase mediante un procedemento aberto en concorrencia pública, cun prazo de 30 días hábiles para a presentación de ofertas.
A concesión terá unha duración de 10 anos, sen posibilidade de prórroga, e establece un prazo máximo de 18 meses para a posta en funcionamento do estacionamento desde a formalización do contrato. Durante ese tempo, a empresa adxudicataria deberá redactar o proxecto, obter as licenzas necesarias e executar as obras.
Desde o punto de vista económico, a infraestrutura executarase integramente a cargo do concesionario, sen investimento por parte do Concello, e establecerase un canon mínimo anual de 1.600 euros, que poderá ser mellorado polas empresas licitadoras.
O estacionamento deberá funcionar de maneira continua durante todo o ano, reservar polo menos un 20% das prazas para usuarios en tránsito e cumprir cos requisitos de seguridade establecidos, incluíndo a obtención da certificación correspondente.
As tarifas máximas fixadas serán de 80 euros mensuais para abonados e de 1 euro por hora para usuarios ocasionais, podendo ser melloradas á baixa polas empresas que concorran ao proceso.
Esta actuación enmárcase nas liñas de colaboración que o Goberno local vén desenvolvendo tanto co sector do transporte como co tecido empresarial da cidade, co obxectivo de mellorar as condicións de actividade nas áreas industriais e avanzar na súa modernización.

