
Campaña de velocidade
A Policía Local de Lugo súmase á campaña de control sobre os excesos de velocidade organizada pola DXT. Ao longo da semana, realizáronse máis de 20 dispositivos de control nos seguintes puntos da cidade: rúas Aller Ulloa e San Roque, Rolda da Muralla, Estrada Vella de Santiago, Rolda do Carme, e avenidas Magoi, Infanta Elena, Madrid e Benigno Rivera, controlando a velocidade de máis de 3.000 vehículos, dos cales 382 circulaban a máis velocidade da máxima permitida en cada lugar.
Na Rolda do Carme, onde a circulación se atopa limitada a 30 km/h, detectouse algún vehículo a 79 km/h (sancionado con multa de 500 euros e detracción de 6 puntos do permiso de conducir). Na Avenida Infanta Elena, que se atopa limitada a 50 km/h, detectouse a circulación dalgún vehículo a 104 km/h (multado con 600 euros e detracción de 6 puntos do permiso de conducir). Na Avenida de Madrid, limitada a 50 km/h, detectouse algún vehículo circulando a 105 km/h (sancionado con multa de 600 euros e detracción de 6 puntos do permiso de conducir).
Estes dous últimos vehículos atopábanse próximos á comisión dun feito delituoso, tendo en conta que, a partir de 110 km/h en zonas limitadas a 50 km/h, constitúe un delito contra a seguridade viaria, ao exceder en 60 km/h a velocidade máxima establecida. A velocidade máxima en vía urbana, cando non se atope establecida por sinal, será a detallada no artigo 50 do Regulamento Xeral de Circulación:
- a) 20 km/h en vías que dispoñan de plataforma única de calzada e beirarrúa
- b) 30 km/h en vías dun único carril por sentido de circulación
- c) 50 km/h en vías de dúas ou máis carrís por sentido de circulación

