Concello e CIFP As Mercedes presentan a unidade móbil de drones para Protección Civil, que permitirá respostas máis rápidas e efectivas ante as emerxencias

O acordo entre a administración local e o centro educativo permitiu ao seu alumnado adaptar un furgón en posto avanzado de control de aeronaves remotas automatizadas.

O vehículo está dotado coa última tecnoloxía de drones, empregados na busca de persoas desaparecidas, accidentes, incendios, emerxencias ou grandes eventos.

O alcalde destaca “o caracter pioneiro deste proxecto que, en colaboración co CIFP As Mercedes, capacítanos para estar moito máis preparados ante calquera incidente”. 

Venres, 27 de marzo de 2026
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Concello e CIFP As Mercedes presentan a unidade móbil de drones para Protección Civil, que permitirá respostas máis rápidas e efectivas ante as emerxencias

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, participou esta mañá na presentación da unidade móbil de drones para Protección Civil, un proxecto pioneiro que naceu hai anos da colaboración do Concello de Lugo e o CIFP As Mercedes. Hoxe deuse a coñecer esta nova dotación coa que se culmina un proxecto tecnolóxico pioneiro para crear esta unidade móbil destinada ao apoio das actuación de Protección Civil en situacións de emerxencia, para o que o Concello cedeu unha furgoneta ao citado centro de formación lucense. Durante a presentación do novo vehículo, na Horta do Seminario, o alcalde de Lugo, Miguel Fernández falou da “importancia desta colaboración para seguir avanzando no uso de novas tecnoloxías ao servizo da seguridade cidadá, para ter unha resposta máis rápida e efectiva ante as exerxencias”.

De feito, o rexedor municipal destacou ademais que “coa posta en funcionamento deste vehículo especial Lugo contará sempre cun equipo de persoas formadas e preparadas para actuar cando sexa necesario activar un dispositivo de busca ou seguimento de persoas, control de incendios, accidentes ou grandes eventos.”.

A unidade móbil responde a un modelo de servizos de emerxencia máis moderno, eficiente e apoiado en tecnoloxías de vangarda e está preparada para actuar como posto avanzado de control en intervencións de Protección Civil, permitindo mellorar a coordinación e a capacidade de resposta en distintos escenarios e apostando por solucións innovadoras que complementen o traballo deste servizo municipal que requiren dunha maior complexidade operativa.

Foi o alumnado de As Mercedes, en concreto as e os estudantes do curso especializado en Aeronaves Pilotadas de Forma Remota, o que levou a cabo a adaptación de dito vehículo cedido por Protección Civil, como unidade móbil de seguimento, a través de drones e de cámaras infravermellas nun centro de mando, que permite o acceso en tempo real a distintas cámaras, potenciando así a capacidade de resposta ante situacións de emerxencia.

Pola súa banda, o director do CIFP As Mercedes, Joaquín Expósito, puxo en valor “este proxecto de vangarda, cuxa coordinación técnica e pedagóxica lideraron tanto o profesorado do centro de Formación Profesional como o persoal da área de Protección Civil do Concello, mentres que o alumnado participou activamente en todas as fases do desenvolvemento”.

Ademais, durante a presentación deste vehículo especial púxose de manifesto a importancia desta iniciativa para que o alumnado aplicara os seus coñecementos en escenarios reais, mellorando a súa preparación profesional e facilitando unha rápida adaptación ao mercado laboral nun sector en auxe como é o manexo de aeronaves non tripuladas.

A adaptación desta unidade móbil non é o único proxecto de colaboración entre o CIFP As Mercedes e o Concello de Lugo, en especial no ámbito das emerxencias. De feito, o alumnado do Ciclo Medio de Emerxencias e Protección Civil deste centro lucense, o único que se imparte en Galicia, realizan as súas prácticas de intervención nos distintos operativos baixo a tutela e colaboración dos Bombeiros de Lugo, como o simulacro realizado a pasada semana no Pazo de Feiras e Congresos.

Multimedia

  • Concello e CIFP As Mercedes presentan a unidade móbil de drones para Protección Civil, que permitirá respostas máis rápidas e efectivas ante as emerxencias
  • Concello e CIFP As Mercedes presentan a unidade móbil de drones para Protección Civil, que permitirá respostas máis rápidas e efectivas ante as emerxencias
  • Concello e CIFP As Mercedes presentan a unidade móbil de drones para Protección Civil, que permitirá respostas máis rápidas e efectivas ante as emerxencias

Noticias relacionadas