
Auxilio á cidadanía
Sobre as 21:40 horas do venres, a Sala do 092 recibe aviso sobre unha persoa desorientada nun establecemento da avenida de Vila Verde, polo que se comisiona ao lugar unha patrulla da Unidade Territorial de Policía de Barrio. Os axentes contactan coa muller, quen manifesta que saíra facer a compra e que, ao saír, se desorientara. Os axentes logran identificar a dous fillos da muller, que se fan cargo dela aos poucos minutos.
Ás 03:30 horas do domingo 12, a Sala do 092 recibe información sobre a presenza dunha muller (posteriormente comprobouse que tiña 83 anos) desorientada en Camiño Real. Os axentes atópana chamando de forma insistente aos timbres dunha vivenda, que finalmente resulta ser contigua á súa. Coa colaboración do Servizo de Bombeiros, acceden ao domicilio da muller, xa que saíra sen chaves, facilitándolle o acceso. Solicítanse servizos sanitarios para a súa valoración. Os axentes tamén contactan cun fillo da anciá, que se presenta aos poucos minutos e se fai cargo dela.
Unha patrulla de Policía de Barrio tamén colaborou, a requirimento do Servizo do 061, durante a atención dunha paciente en estado agresivo no seu domicilio. Finalmente, a paciente tivo que ser trasladada a un centro hospitalario, polo que os axentes acompañaron ao persoal sanitario ata que se fixo cargo o persoal de seguridade do hospital.
Posible maltrato animal
A Sala do 092 recibe aviso sobre tres cans atados cunha corda, que apenas lles permite moverse, nunha finca da cidade. Desprázase ao lugar unha patrulla de Policía de Barrio, que realiza unha inspección ocular e comproba que hai dous cans atados e un solto, aparentemente con auga e alimento suficientes. Procédese á identificación da persoa que manifesta ser titular dos animais, quen explica que só os ata durante a noite, soltándoos durante o día e proporcionándolles comida, bebida e refuxio.
Iníciase un seguimento nos días posteriores, a distintas horas, comprobándose que en todas as ocasións os dous cans permanecen atados nas mesmas condicións. Por este motivo, os axentes confeccionan actas-denuncia por cada un dos animais atados de forma permanente, así como outras por cada un dos tres cans por carecer de identificación, constituíndo infraccións á Lei de Benestar Animal de Galicia.
Continúase coa vixilancia dos animais para avaliar a necesidade de adoptar medidas cautelares que garantan a súa seguridade e benestar.
Control de establecementos
O pasado venres, ás 04:00 horas, os axentes do Grupo Operativo Nocturno, dentro do dispositivo de control de establecementos de ocio nocturno, observaron como clientes dun local do centro saían ao exterior con consumicións. Ademais, comprobaron que o establecemento estaba a exercer a actividade coas portas abertas, provocando que o volume da música se proxectase cara á vía pública, xerando molestias para o descanso veciñal.
Por este motivo, os axentes confeccionaron actas-denuncia por infraccións á Ordenanza Municipal de Contaminación Acústica.
Presuntas ameazas
A Sala do 092 recibe requirimento dunha persoa que manifesta estar sendo ameazada por outra na avenida das Américas. Os axentes desprazados contactan co requirente e localizan a un varón nun lugar próximo. O primeiro manifesta que o outro o seguira por varios lugares proferindo ameazas, mentres que o segundo indica que o primeiro lle debe diñeiro e que só se achegara para reclamalo.
Ambos son identificados e informados do procedemento a seguir para interpoñer reclamación ou denuncia. Durante a actuación, os axentes comproban que un dos implicados ten en vigor unha requisitoria xudicial para a averiguación do seu domicilio, polo que se informa á autoridade xudicial correspondente dos datos obtidos.
Mordedura de can
O día 1 de abril, unha muller preséntase en dependencias policiais para denunciar que o seu can foi atacado por outro cando paseaba pola rúa Pintor Corredoira. Facilita unha descrición do animal, que segundo indica ía sen correa, así como datos da persoa que o acompañaba, que abandonou o lugar sen realizar ningunha xestión.
A denunciante levou o seu can a un centro veterinario, onde foi atendido por mordeduras nunha pata, achegando a documentación correspondente. Tras as investigacións e a vixilancia da zona, os axentes localizan ao animal e ao seu responsable, quen recoñece os feitos, aínda que considera que non debería ter causado lesións.
O home é identificado e presenta a documentación do can, sendo advertido da obriga de sometelo a control veterinario, conforme á Lei de Benestar Animal de Galicia.
Danos en vehículos
O venres, arredor das 00:15 horas, un viandante informa á Sala do 092 de que unha persoa está a causar danos en vehículos estacionados na rúa San Roque, achegando unha descrición detallada. Ademais, indica que foi insultado e golpeado na cara por esta persoa.
Unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno desprázase ao lugar e comproba que, polo menos, 15 vehículos presentan danos recentes no lateral máis próximo á beirarrúa, consistentes en rabuñaduras realizadas cun obxecto descoñecido. Nas inmediacións localizan a unha muller que coincide coa descrición, sendo identificada sen dúbidas polo requirente.
Inícianse as xestións para localizar aos titulares dos vehículos afectados e confirmar os danos, co fin de tramitar as correspondentes dilixencias.
Alcoholemia e falta de respecto
Ás 01:40 horas do luns 13, unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno observa que o titular dun turismo presenta incidencias no permiso de conducir, polo que detén o vehículo para identificar ao condutor. Comproban que non se trata do titular e que o permiso está en vigor, aínda que presenta claros signos de atoparse baixo os efectos do alcohol.
Sométese ás probas regulamentarias, nas que arroxa resultados de 1,04 e 1,03 mg/l, polo que se instrúen dilixencias por un presunto delito contra a seguridade viaria.
Durante a intervención, o condutor mantén unha actitude desafiante, insultante e agresiva cara aos axentes, polo que se confecciona acta por infracción á Lei de Protección da Seguridade Cidadá por falta de respecto, así como outra por portar un coitelo de cociña na vía pública, que levaba na guantera e foi intervido. (foto1)

