O Concello impulsa no centro comercial As Termas a posta en funcionamento dun punto seguro contra a violencia de xénero

A área de Muller posibilitou esta iniciativa pioneira, xunto á dirección da área comercial, que instalou dito espacio no stand de información, e que terá o mesmo horario que a gran superficie, agás os domingos.

O punto seguro entrou hoxe en funcionamento, despois de que o Concello formara a case 15 traballadoras e traballadores de varios servizos, para coñecer o protocolo a seguir fronte a agresións sexistas.

O alcalde sinala que “con esta medida damos un paso máis na loita contra a violencia de xénero, porque como administración temos a obriga de intentar frear calquera agresión”.

Venres, 27 de marzo de 2026
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello impulsa no centro comercial As Termas a posta en funcionamento dun punto seguro contra a violencia de xénero

O alcalde de Lugo, acompañado pola concelleira de Muller e Igualdade, e polo subdirector de As Termas, Marcos González, procederon esta mañá a apertura do punto seguro nesta gran superficie, unha iniciativa pioneira impulsada desde o Concello de Lugo, a través da citada concellería, co obxectivo de frear as agresións sexistas e como un paso máis na loita continua contra a violencia de xénero. Así o explicou o alcalde de Lugo, quen fixo fincapé en que “como administración temos a obriga de intentar frear calquera agresión, sexa do tipo que sexa; é outra vía máis que poñemos en marcha nesa loita contra a violencia de xénero que desde o Concello levamos a cabo en distintos ámbitos, a través da educación, con campañas e xornadas que promoven a igualdade real, e agora con este punto seguro para evitar e actuar en caso de agresións sexuais”.

O obxectivo deste punto seguro, segundo explicou a concelleira de Muller e Igualdade do Concello de Lugo, Ángeles Novo, “é garantir que as e os traballadores do centro comercial As Termas teñan os coñecementos necesarios para identificar e saber como hai que actuar fronte ás agresións sexistas”. Para lograr este fin, desde a citada área se levou a cabo un curso dirixido a uns 15 traballadores e traballadoras dos servizos de seguridade, limpeza, información ou dirección da gran superficie, que foi impartido o mes pasado nas instalacións municipais do Cei-Nodus. Todos eles obtiveron pautas para sinalar este tipo de comportamentos e coñeceron da man do persoal da casa da muller e de especialistas en violencia de xénero e agresións machistas os protocolos a seguir.

Neste sentido, a concelleira Ángeles Novo insiste en que “esta persoal vai estar cualificado para dar resposta nun primeiro momento ás vítimas, acompañándoas tendo en conta cal é a forma adecuada de actuar nestes casos e as pautas a seguir para evitar a revictimización ou cómo actuar ata a chegada da Policía Nacional”. Ademais, fai fincapé en que “con esta iniciativa buscamos unha maior seguridade para as mulleres, involucrarnos na prevención do acoso e evitar que non se produzan agresións machistas, nin sequera as máis sutís e normalizadas na nosa sociedade”.  

O denominado Punto Seguro estará situado no stand de información do centro comercial As Termas e debidamente sinalizado. Ademais, terá o mesmo horario que a gran superficie, agás os domingos, co fin de poder actuar ante calquera tipo de conduta de acoso e acompañar as posibles vítimas. Gracias á formación de traballadores e traballadoras de distintos servizos de As Termas, como poden ser información, seguridade ou vixilancia, poderán acompañar ás mulleres que sufran acoso ou agresións ata o punto seguro.

Tanto o alcalde como a concelleira de Muller e Igualdade agradeceron á xerencia de As Termas a súa receptividade e sensibilidade neste tema e a súa implicación na loita contra o acoso e as agresións machistas. Neste sentido, o subdirector da gran superficie, Marcos González, sinalou que “desde As Termas traballamos cada día para que o noso espazo sexa un lugar no que todas as persoas se sintan seguras e benvidas. Esta iniciativa vai exactamente nesa dirección, e por iso non dubidamos en sumarnos. Agradecemos ao Concello que contara con nós para introducir o Punto Seguro en As Termas e agardamos que sexa unha ferramenta útil para quen nos visita."

Multimedia

  • O Concello impulsa no centro comercial As Termas a posta en funcionamento dun punto seguro contra a violencia de xénero
  • O Concello impulsa no centro comercial As Termas a posta en funcionamento dun punto seguro contra a violencia de xénero
  • O Concello impulsa no centro comercial As Termas a posta en funcionamento dun punto seguro contra a violencia de xénero

Noticias relacionadas