O Concello licita a asistencia técnica para elaborar o Plan de Igualdade de Oportunidades na xestión dos recursos humanos

O contrato permitirá realizar un diagnóstico da situación do persoal municipal e definir medidas en materia retributiva, promoción profesional, formación e conciliación.

Xoves, 12 de novembro de 2026
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello de Lugo publicou a licitación dun contrato menor de asistencia técnica para o deseño, elaboración e implantación do Plan de Igualdade de Oportunidades na xestión dos recursos humanos municipais e que conta cun orzamento de 14.883 euros, IVE incluído, e establece un prazo estimado de execución de dez meses desde a notificación da adxudicación.

O traballo desenvolverase en varias fases. A primeira será a constitución e o apoio á Comisión de Negociación, coa participación do Concello e da representación sindical. A continuación realizarase un diagnóstico da situación do persoal municipal desde a perspectiva de xénero.

Esta análise incluirá unha auditoría retributiva para examinar posibles diferenzas salariais, así como a revisión dos procesos de selección, contratación, promoción profesional, formación, conciliación e organización do tempo de traballo. Tamén se analizarán as condicións laborais, a prevención de riscos con perspectiva de xénero, o uso dunha linguaxe non sexista e os protocolos fronte ao acoso sexual e por razón de sexo.

A partir dos resultados elaborarase o documento do Plan de Igualdade, que recollerá obxectivos e medidas concretas, cun calendario de execución, os recursos necesarios, indicadores de seguimento e as áreas municipais responsables.

A contratación inclúe tamén a elaboración dun sistema de seguimento e avaliación, a actualización do protocolo de prevención e actuación fronte ao acoso sexual e por razón de sexo e o apoio á tramitación e inscrición do plan no rexistro público correspondente.

A elaboración deste documento figura entre os obxectivos do IV Plan de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes do Concello de Lugo, prorrogado para o período 2026-2028.

Noticias relacionadas