A área de Muller reivindicará a igualdade real cun programa para o 8M que abrangue actividades sociais, educativas, deportivas e lúdicas

O alcalde eloxia o programa co que “daremos a coñecer realidades que hai que desterrar, como a brecha salarial, os teitos de cristal, o difícil acceso aos postos de mando e por riba de todo a violencia de xénero”.

Tanto a mosqueira como a Praza Maior iluminaranse co logotipo de ‘Mulleres con Forza’ desde o venres ata o vindeiro 16 de marzo, para dar visibilidade a esta reivindicación.  

A concelleira Ángeles Novo asegura que “necesitamos que a implicación da sociedade e as nosas voces se escoiten sempre coa mesma forza e unión que vaise lograr no 8M”.

Mércores, 04 de marzo de 2026
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A área de Muller reivindicará a igualdade real cun programa para o 8M que abrangue actividades sociais, educativas, deportivas e lúdicas

A área de Muller, Igualdade e Inclusión do Concello de Lugo vén de pechar o programa do 8M, Día Internacional da Muller, cunha axenda que abrangue actividades sociais, educativas, deportivas e lúdicas, coas que se pretende reivindicar desde distintos ámbitos a igualdade real e efectiva para as mulleres. O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, eloxiou o traballo realizado para “deseñar un programa multidisciplinar co que buscamos dar visibilidade á reivindicación xusta dunha igualdade real e efectiva. Para iso, haberá actividades dirixidas aos cativos e cativas, conscientes como somos da importancia de educar en igualdade, pero tamén para poñer enriba da mesa realidades que hai que desterrar, como a brecha salarial, os teitos de cristal, a desigualdade nos postos de mando e en determinados sectores e, por suposto, a violencia de xénero”.

Neste sentido, Miguel Fernández fixo fincapé en que “desde o Concello de Lugo levamos todo o que vai de século XXI impulsando políticas públicas activas en materia de igualdade. Non falamos de declaracións puntuais, senón de planificación estratéxica, programas educativos, recursos específicos de atención ás vítimas, campañas de sensibilización e incorporación transversal da perspectiva de xénero nas políticas municipais. Lugo foi pioneira en moitas destas iniciativas e seguirá a selo, porque a igualdade non é unha moda nin unha consigna: é unha obriga democrática”, sinalou o rexedor.

Pola súa banda, a responsable desta área, Ángeles Novo, asegura que “necesitamos que a implicación da sociedade e as nosas voces se escoiten sempre coa mesma forza e unión que vaise lograr no 8M”, de aí que o “programa para conmemorar este data inclúa conferencias e charlas sobre a ruptura do teito de cristal, contacontos para educar en igualdade, probas deportivas e actividades coas que imos dar visibilidade a esta reivindicación”.

As actividades coas que conmemorarase este data comezarán o venres, día 6, coa entrega do Premio Entre Mulleres, que nesta edición, a vixésimo segunda, será, a título póstumo, para a alcaldesa Paula Alvarellos. Será, a partir das 17.00 horas no salón de plenos do Concello de Lugo, nun acto cargado de simbolismo, xa que, segundo explica Novo “ao tempo que se recoñece a loita pola igualdade que sempre guiou a Paula Alvarellos no desempeño do seu traballo como alcaldesa, servirá de exemplo a seguir e de punto de partida, para outra serie de actividades coas que imos conmemorar esta data”.

Así, desde ese mesmo día e ata o 16 de marzo, tanto a mosqueira como a Praza Maior estarán iluminadas co logotipo de Mulleres con Forza, unha marca municipal que se fortalece e que axuda a dar visibilidade a esta xornada do Día Internacional da Muller.

Para o desenvolvemento desta programación, o Concello de Lugo conta ademais coa colaboración da Asociación de Mulleres Empresarias de Provincia de Lugo, AELU, coas que porán en marcha o obradoiro ‘Alquimia Feminina’, sobre autocoidado en distintas facetas da saúde das mulleres. Para esta actividade gratuíta, que se desenvolverá o día 12 no CEI Nodus, das 16.00 ás 20.00 horas, ofértanse un total de 15 prazas, para as que é necesario realizar unha inscrición previa no correo igualdade@lugo.gal. Tamén foi clave a colaboración de AELU para outra das actividades incluídas na programación do 8M como é o networking para empresarias que terá lugar no Impulso Verde, o martes día 17 de marzo, desde as 18.00 horas.

Tamén a Deputación de Lugo se implicou á hora de colaborar na programación municipal do 8M, concretamente para o desenvolvemento de dúas charlas. O día 11 de marzo terá lugar a presentación do libro ‘El cuarto vértice’, de Carlos Moreno Lugrís, quen nesta obra narra o encontro entre Maruja Mallo e Marina Méndez, para imaxinar o relato da extensa carreira da primeira ao longo do século XX e tamén para dar voz á segunda e falar do acoso moral que sufriron as mulleres antes da democracia. Dita actividade terá lugar no salón de actos da Deputación, ás 19.00 horas.

Un día despois, o 13 de marzo, tamén na Deputación e no mesmo horario, celebrarase a conferencia a cargo de Patricia Campos Domenech, co seu proxecto ‘Vuela conmigo’. A ex piloto das Forzas Armadas é unha das figuras máis destacadas na loita pola igualdade, en sectores tradicionalmente masculinizados. Neste sentido, Ángeles Novo sinala que “ao igual que fixemos no Día da Muller e da nena na ciencia con varias científicas, con motivo do 8M quixemos poñer o foco na importancia de romper teitos de cristal. Coa charla de Patricia Campos, a primeira muller que pilotou un reactor militar no Exército do Aire, queremos deixar claro ás novas xeracións de mulleres que non hai que autolimitarse e que no seu futuro caben todas as opcións posibles”.

O coidado da saúde feminina tamén estará presente noutro taller sobre solo pélvico, a cargo da fisoterapeuta Patricia Pontón, que terá lugar o 27 de marzo, de 18.00 a 20.00 horas no centro de convivencia Uxío Novoneyra, para o que é preciso inscribirse previamente en cmuller@lugo.gal.

Actividades infantís e deportivas   

Co obxectivo de chamar a atención sobre a necesidade de lograr unha igualdade real en todos os ámbitos da sociedade, o programa do 8M do Concello de Lugo tamén inclúe actividades dirixidas aos máis cativos e cativas e outras de carácter deportivo. Así, os días 10, 17 e 24 terá lugar o ciclo ‘Os martes: contos para a igualdade’, que comezarán o día 10, ás 17.30 horas, na sala de grupos do Museo Interactivo da Historia de Lugo, co espectáculo “Lúa triangular nada é imposible”, da artista Jara Ortiz.

Tamén as 17.30 horas, pero no centro de convivencia Maruja Mallo, o martes 17 será a quenda para o espectáculo ‘Compositoras clásicas’, da artista Esperanza Mara. Pecharase este ciclo, o día 24, de novo no MIHL e no mesmo horario, coa obra ‘Elas’, de Vero Rilo.

Dentro desta extensa programación, tamén haberá espazo para o deporte, grazas a colaboración da Concellería de Deportes e á celebración do Corre con Elas, unha das probas do circuíto de carreiras municipal, Corre con Nós, incluído na programación anual, e que está previsto para o 22 de marzo. O percorrido de dita proba desenvolverase polo barrio de San Fiz, coa participación de atletas de todas as categorías, desde nados e nadas en 2019 ata a categoría de adultos.

Co respecto á variedade de servizos e actividades para visibilizar esta loita, o alcalde de Lugo explicou que “a igualdade constrúese desde o ámbito local, desde cada concello, desde cada barrio e desde cada escola. E fronte aos discursos que cuestionan ou minimizan esta loita, nós respondemos con máis políticas públicas, máis recursos e máis compromiso”.

Audio

  • O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, sobre o 8M | Descargar mp3
  • A edil de Igualdade, Ángeles Novo, sobre o 8M | Descargar mp3

Multimedia

  • A área de Muller reivindicará a igualdade real cun programa para o 8M que abrangue actividades sociais, educativas, deportivas e lúdicas

Noticias relacionadas