Lugo acolleu a presentación de Inspirando Presentes, o novo ciclo de conferencias para visibilizar o talento feminino galego

Venres, 03 de xullo de 2026
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lugo acolleu a presentación de Inspirando Presentes, o novo ciclo de conferencias para visibilizar o talento feminino galego.Lugo acolleu a presentación de Inspirando Presentes, o novo ciclo de conferencias para visibilizar o talento feminino galego.

A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, participou hoxe no centro sociocultural O Vello Cárcere, xunto á conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, na presentación de Inspirando Presentes, o novo ciclo de conferencias impulsado pola Xunta de Galicia para dar visibilidade ao talento feminino e crear referentes en distintos ámbitos profesionais.

 

A presidenta da Asociación Galega da Empresa Familiar, Tona Martínez, foi a encargada de inaugurar este ciclo de conversas, que percorrerá Galicia nos vindeiros meses coa participación de destacadas profesionais.

 

Durante a súa intervención, Elena Candia agradeceu que Lugo fose a cidade escollida para iniciar esta iniciativa e puxo en valor o talento feminino de Lugo. "Lugo é unha cidade cun patrimonio humano extraordinario. Temos mulleres que lideran empresas, investigan, emprenden, crean cultura, innovan, comunican, ensinan ou coidan. Algunhas delas xa forman parte da plataforma Presentes e é un orgullo para a nosa cidade, pero estou convencida de que hai moitas máis profesionais lucenses con traxectorias valiosas que tamén teñen moito que achegar."

 

A alcaldesa aproveitou o acto para facer un chamamento ás profesionais lucenses para que se incorporen á plataforma: "anímovos a sumarvos a Presentes. Porque o talento tamén ten unha responsabilidade: a de inspirar, compartir experiencias e abrir camiño ás que veñen detrás. Cada historia profesional conta e cada experiencia pode converterse nun referente."

 

Candia reafirmou tamén o compromiso do Concello de Lugo de seguir colaborando con iniciativas que promovan a igualdade de oportunidades, visibilicen o talento feminino e favorezan espazos de encontro entre profesionais.

 

Tras a conferencia inaugural de Tona Martínez, Inspirando Presentes continuará nos vindeiros meses por distintos puntos de Galicia coa participación da presidenta do RC Celta, Marián Mouriño; da CEO de Roberto Verino, Dora Casal; da artesá contemporánea Idoia Cuesta; e da fiscal delegada de violencia sobre a muller en Galicia, Elena Esteinger, co obxectivo de seguir visibilizando o liderado das mulleres en ámbitos como a empresa, a cultura, o deporte ou a administración de xustiza.

 

Multimedia

  • Lugo acolleu a presentación de Inspirando Presentes, o novo ciclo de conferencias para visibilizar o talento feminino galego.

Noticias relacionadas