A alta demanda de asistentes á charla sobre regularización extraordinaria de persoas migrantes obriga ao cambio de ubicación

Finalmente, o salón de actos da Deputación de Lugo acollerá, a partir das 19.00 horas de mañá, a sesión informativa a cargo do edil de Movementos Migratorios, Waldir Sinisterra.

Polo de agora hai inscritas 125 persoas para asistir a esta iniciativa organizada polo Concello, en colaboración coa Asociación de Rioplatenses de Lugo e con Venelugo. 

O concelleiro desta área sinala que “o principal obxectivo é ofrecer información rigorosa e contrastada, ademais de resolver dúbidas fronte a desinformación sobre este proceso”.

Venres, 27 de febreiro de 2026
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A alta demanda de asistentes á charla sobre regularización extraordinaria de persoas migrantes obriga ao cambio de ubicación

A alta demanda de asistentes á sesión informativa sobre regularización extraordinaria de persoas migrantes, que terá lugar mañá sábado a partir das 19.00 horas, obrigou a Concellería de Movementos Migratorios, ao cambio de ubicación desta actividade, que finalmente trasládase ao salón de actos da Deputación de Lugo, cun maior aforo que a Casa das Asociacións do parque da Milagrosa, sede inicial desta iniciativa.

A sesión informativa correrá a cargo do edil responsable desta área, Waldir Sinisterra, quen asegura que “polo de agora hai inscritas 125 persoas, o que demostra o gran interese que esperta este tema, sobre o que pretendemos ofrecer información rigorosa e contrastada, ademais de resolver dúbidas fronte a desinformación sobre a tramitación deste proceso, anunciado polo Goberno de España”. 

A iniciativa do Concello de Lugo conta coa colaboración da Asociación Rioplatenses de Lugo e da Asociación de Venezolanos en Lugo (VENELUGO); de feito, o Goberno Local puxo en valor a colaboración co tecido asociativo da cidade como un elemento clave para achegar información útil, rigorosa e accesible, reforzando así o carácter próximo, participativo e de servizo público desta sesión divulgativa.

O concelleiro de Movementos Migratorios, Waldir Sinisterra, explicou que “a iniciativa xorde ante a necesidade de ofrecer un espazo informativo rigoroso, especialmente nun contexto no que circula abundante información incorrecta ou incompleta”. Ante esta situación, subliñou o edil, “é fundamental actuar con cautela e responsabilidade institucional, á espera de contar con todas as certezas xurídicas unha vez que se publique o Real Decreto no Boletín Oficial do Estado, que será o que defina con precisión os parámetros do proceso”. Sinisterra indicou ademais que “queremos que as persoas conten con datos fiables e contrastados, que saiban que requisitos se están a manexar e cales son os prazos orientativos, pero sempre deixando claro que haberá que agardar ao marco normativo definitivo”.

A charla permitirá abordar cuestións como os requisitos xerais que se están a valorar para acceder á regularización, entre eles a acreditación dunha permanencia continuada en España durante un período mínimo previo ao 31 de decembro de 2025 e a ausencia de antecedentes penais, así como os prazos nos que previsiblemente se abrirá o proceso de solicitude. Tamén se explicará como esta medida se integra nunha estratexia máis ampla de política migratoria orientada a garantir dereitos, seguridade xurídica e integración social e laboral.

A actividade está dirixida a persoas interesadas en coñecer de primeira man a información dispoñible e contará cun espazo para formular preguntas e expor dúbidas. Aínda é posible inscribirse a través do mail rioplatensesdelugo@hotmail.com o no teléfono 663 92 01 49 ou chamando ao 010.

Multimedia

  • A alta demanda de asistentes á charla sobre regularización extraordinaria de persoas migrantes obriga ao cambio de ubicación

Noticias relacionadas