Do 1 ao 5 de marzo pódense realizar as peticións para esta actividade de conciliación laboral e familiar, dirixida a nenos de 4 a 11 anos, para as tardes de abril, maio e xuño.
O Aprende Xogando desenvolverase ademais de no terceiro trimestre, nas vacacións de Semana Santa, tanto no centro Maruja Mallo como no local do Parque da Milagrosa.
A concelleira Ángeles Novo sinala que “neste período admitirase a solicitude por correo, pero cremos que coa nova vía, a tramitación será máis rápida, eficaz e resolutiva”.

A área de Muller, Igualdade e Inclusión, que dirixe Ángeles Novo, vén de variar a tramitación de solicitudes do Aprende Xogando para favorecer un mellor acceso á instancia de prazas neste programa, a través do procedemento S015 da sede electrónica e do rexistro presencial, para que dita tramitación sexa máis rápida, eficaz e resolutiva. Así o explicou a concelleira Ángeles Novo, a raíz da apertura do prazo para o terceiro trimestre do Aprende Xogando, cuxas solicitudes poderanse realizar do 1 ao 5 de marzo. Ditas inscricións permitirán beneficiarse deste programa de conciliación familiar e laboral durante as vacacións de Semana Santa e nas tardes dos meses de abril, maio e xuño.
Ata de agora, as solicitudes para o Aprende Xogando, programa que se desenvolve ao longo do ano, víñanse facendo por correo electrónico. A partir de agora, e co fin de evitar correos falidos, e favorecer máis medios de solicitude de prazas, esta tramitación efectuaranse na Sede Electrónica do Concello de Lugo ou no Rexistro municipal segundo o modelo oficial de solicitude establecido, así como en calquera dos rexistros previstos nas administracións públicas.
Segundo explica a responsable da área de Muller, Igualdade e Inclusión, “este programa está orientado a favorecer a conciliación nos eidos laboral, familiar e persoal, que beneficia tanto ás e aos menores, de idades comprendidas entre os 4 e os 11 anos, como á unidade de convivencia no seu conxunto, apoiando de xeito especial as mulleres no seu proceso de participación sociolaboral, fomentando a igualdade entre persoas, o respecto e a non violencia”.
Este programa, que ten como ámbito o municipio de Lugo, está dirixido “ao desenvolvemento en igualdade da personalidade das nenas e dos nenos a través do xogo e do xoguete, fomentando a práctica de actividades en grupo e de xogos de animación infantil fundamentadas na coeducación”. Durante o ano lectivo, desenvólvese nos centros sociais Maruja Mallo e no local do Parque da Milagrosa, mentres que nas mañas do verán poderase abrir un ou dous espazos adicionais dependendo da demanda existente.
Dito programa lévase a cabo ao longo do ano, en período lectivo, das 16.00 ás 20.30 horas, e nas vacacións escolares tamén en horario de mañá, das 9.00 ás 14.00 horas. Ten 60 prazas para este trimestre, cuxo prazo de solicitudes ábrese estes días, e que abarca as tardes dos meses de abril, maio e xuño, ademais das mañás nas vacacións de Semana Santa. Ademais, resérvanse cinco prazas adicionais para posibles urxencias por circunstancias especiais ou de emerxencia social. O prezo do Aprende Xogando vén recollido como actividades destinadas a nenas e nenos, polo que se establece a contía pola participación en 1,03 euros por xornada.



