
Controis de velocidade
Axentes da Unidade Territorial de Policía de Barrio e do Grupo Operativo Nocturno levaron a cabo controis de velocidade na Carretera Vella de Santiago, Avda. Infanta Elena, Avda. de Madrid e rúa Aller Ulloa, detectando as seguintes infraccións:
Vehículos controlados: 923 / Infraccións detectadas: 126.
Entre os vehículos infractores rexistráronse velocidades de ata 104 km/h na rúa Aller Ulloa, nun treito con limitación máxima de 50 km/h.
Así mesmo, procedeuse á localización e precinto dun vehículo requirido pola administración local por tratarse dun debedor da Facenda pública. O vehículo foi trasladado ao depósito municipal, onde quedou inmobilizado ata que o seu titular regularice a súa situación.
Durante as dúas últimas semanas, os axentes do Grupo Operativo Nocturno, da Unidade Territorial de Policía de Barrio e da Unidade de Atestados, nos distintos filtros de seguridade viaria establecidos, detectaron as seguintes infraccións:
17 probas de alcoholemia con resultado positivo, sancionadas mediante denuncia administrativa, con taxas comprendidas entre 0,33 e 0,60 mg/L.
4 condutores que deron positivo en probas de drogas, con presenza de benzodiacepinas e cocaína; anfetaminas e cocaína; cannabis, cocaína e benzodiacepinas; e cannabis, cocaína e benzodiacepinas.
7 probas de alcoholemia con resultado positivo que deron lugar á instrución de dilixencias por presunto delito contra a seguridade viaria, dúas delas a requirimento da Policía Nacional, con taxas entre 0,66 e 1,02 mg/L.
3 condutores con incidencias no permiso de condución que motivaron dilixencias por presunto delito contra a seguridade viaria: dous por perda total de puntos e outro por privación xudicial do dereito a conducir. Este último deu positivo tamén en drogas (cocaína e anfetamina), mentres que outro dos anteriores deu positivo en alcohol con denuncia administrativa (0,59 e 0,53 mg/L).
Un destes condutores foi interceptado por circular coa ITV caducada, outro nun control rutineiro e o terceiro tras facer caso omiso a varios sinais de STOP e ás indicacións ópticas e acústicas dunha patrulla policial.
As actuacións desenvolvéronse en Rolda das Fontiñas, Fonte dos Ranchos, Praza Conde Fontao, Ronda da Muralla, Otero Pedrayo, San Roque, Germán Alonso, Camiño Real, Río Neira, Rolda Norte, Garda Civil, Dinán, Gaivota, Calzada das Gándaras, Santo Grial, Armando Durán, Ramón Ferreiro, Vila Verde, A Milagrosa e Pena do Rei.
Auxilio á cidadanía
Ás 15:15 horas do martes día 7, un home de 84 anos presentouse en dependencias policiais manifestando que non sabía onde se atopaba nin lembraba o hostal no que se hospedaba, portando unicamente unha chave cun chaveiro numerado. O axente de servizo na Oficina de Atención á Cidadanía realizou diversas xestións cos establecementos hostaleiros da cidade, logrando localizar o aloxamento do ancián, quen manifestou non precisar asistencia médica nin doutro tipo.
Furto en establecemento
Na mañá do mércores día 8, cando unha patrulla circulaba pola avenida Ramón Ferreiro, os axentes foron requiridos por un home que indicou que outro individuo, sentado nas inmediacións, subtraera diversos produtos do seu establecemento. Os policías procederon á identificación e rexistro superficial do sospeitoso, atopando os artigos, valorados en 68 euros. O home recoñeceu os feitos alegando que “tiña que comer”. Os axentes ofrecéronlle acceso aos servizos sociais municipais, opción que rexeitou.
Iniciáronse os trámites oportunos para a instrución de dilixencias, ao tratarse dun feito reiterado segundo manifestou o denunciante.
Olor a gas
Na mañá do mércores, a Sala do 092 recibiu aviso pola presenza dun forte olor a gas nun edificio de Camiño Real. De inmediato desprazouse ao lugar unha patrulla da Policía de Barrio, requirindo tamén a intervención do Servizo de Bombeiros. A orixe do cheiro localizouse na parte traseira dun establecemento, onde se atopaba unha bombona de butano cun cabezal defectuoso. O elemento foi retirado polos servizos de emerxencias, informándose ao titular do local das actuacións realizadas.

