Rubén Arroxo anunciou a substitución de preto dun cento de luminarias, o que permitirá aforrar 67.845 kWh.
Arroxo: "Continuamos a traballar para aumentar a calidade do alumeado público ao mesmo tempo que conseguimos un importante aforro e a reducción da pegada de carbono da cidade, ao eliminar luminarias que utilizan elementos contaminantes".

O Tenente de Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, anunciou unha nova actuación enmarcada no plan municipal de renovación da rede de alumeado público, que consistirá na renovación de preto dun cento de luminarias na avenida Infanta Elena. Segundo explicou Arroxo, "seguimos traballando en distintas zonas de Lugo para garantir un alumeado eficiente, reducindo o consumo eléctrico e eliminando zonas escuras, ao tempo que melloramos a seguridade e o benestar da veciñanza". Arroxo explicou que esta actuación busca "dar continuidade aos traballos xa executados durante a renovación da parte da vía máis próxima ao Ceao, continuando de cara á zona sur da mesma"
Os traballos consistirán na substitución de luminarias baseadas en vapor de sodio, cun consumo unitario de 250W, por luminarias LED de 115W. Ademáis da renovación das caixas de conexión e dos condutores de alimentación. Esta intervención permitirá un aforro de 67.845 kWh no consumo eléctrico do Concello, ademáis de "harmonizar a contorna, unificar a temperatura de cor e mellorar a uniformidade lumínica, eliminando zonas escuras e reducindo o risco de avarías". Ademais, subliñou que estes traballos contribúen á redución do gasto público e dos residuos xerados, ao recuperar luminarias existentes e adaptar a rede ás novas tecnoloxías.
O Tenente de Alcalde lembrou que "desde a chegada ao Goberno de Lugo traballamos continuamente para que a veciñanza poida desfrutar dun alumeado eficiente e moderno, reducindo custos e mellorando a calidade de vida das veciñas e veciños".


