Os traballos comezarán o luns 23 de marzo e terán unha duración estimada de 10 días, o que implicará restricións de circulación na contorna.
A actuación permitirá resolver unha incidencia na rede municipal de saneamento nun dos principais eixos viarios da cidade.
- Tema

O Concello de Lugo iniciará o vindeiro luns, 23 de marzo, os traballos de reparación do colector de saneamento situado na intersección da Ronda das Fontiñas co Carril dos Indios, unha actuación necesaria para corrixir unha incidencia detectada neste punto da rede e garantir o seu correcto funcionamento.
A intervención, que será executada pola empresa concesionaria do servizo, contará cun prazo estimado de execución de 10 días e desenvolverase en dúas fases, co obxectivo de adaptar os traballos ás condicións da vía e minimizar na medida do posible as afeccións ao tráfico.
A actuación permitirá actuar sobre o tramo do colector afectado, ao tempo que se corrixen as afeccións detectadas na propia calzada derivadas da avaría, mellorando así as condicións de seguridade e uso desta vía.
Plan de tráfico
Para poder levar a cabo os traballos será necesario establecer restricións ao tráfico rodado na Ronda das Fontiñas, especialmente no sentido de circulación cara á rúa San Eufrasio na intersección co Carril dos Indios.
Durante todo o período de execución:
• restrinxirase o paso de vehículos neste sentido da vía
• prohibirase o estacionamento no tramo comprendido entre os números 62 e 96
• manterase, na medida do posible, o acceso a vivendas e garaxes
A actuación desenvolverase en dúas fases diferenciadas:
Nunha primeira fase, reorganizarase a circulación habilitando un dobre sentido provisional no tramo afectado, utilizando os carrís de estacionamento do lado oposto, co obxectivo de manter a mobilidade na zona.
Nunha segunda fase, debido á maior ocupación da calzada, será necesario desviar o tráfico cara á rúa San Eufrasio por itinerarios alternativos a través do Carril do Xuízo, a rúa Ramón Montenegro, a rúa Primavera e o Carril das Flores. Neste punto, só se permitirá o paso de autobuses urbanos polo tramo afectado, que estará regulado en todo momento mediante operarios sinalistas.
Co obxectivo de garantir a seguridade viaria e ordenar a circulación na contorna, instalarase sinalización específica en todos os accesos á zona, incluíndo indicacións de obras, limitación de velocidade a 20 km/h e restricións de acceso en distintos puntos da contorna.
O operativo contempla tamén o valado completo da zona de intervención e a canalización do tráfico rodado e peonil mediante os elementos necesarios. No caso de que os traballos se prolonguen en horario nocturno, instalaranse dispositivos luminosos para reforzar a visibilidade da obra.
Así mesmo, garantirase en todo momento o tránsito peonil e o acceso ás vivendas, locais e garaxes, informando con antelación suficiente das posibles limitacións puntuais que se poidan producir.
Desde o Concello recoméndase ás persoas condutoras que eviten circular pola zona durante o período de execución das obras e que utilicen itinerarios alternativos, seguindo en todo momento as indicacións da sinalización provisional e da Policía Local.

