O operativo especial de limpeza do Concello de Lugo recolle 4,8 toneladas de residuos tras a festa da Carballeira e restablece a normalidade en apenas dúas horas e media

O dispositivo permitiu deixar a zona completamente limpa antes das 9:30 horas, adiantando os tempos habituais de actuación.

A cantidade de residuos descende respecto ao pasado ano, cunha redución global de 160 quilos.

O alcalde, Miguel Fernández, agradeceu o traballo do equipo de Luce Lugo e apelou “ao civismo para que esta celebración conviva co respecto ao entorno e ao vecindario”.

Venres, 27 de marzo de 2026
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O operativo especial de limpeza do Concello de Lugo recolle 4,8 toneladas de residuos tras a festa da Carballeira e restablece a normalidade en apenas dúas horas e media

O operativo especial de limpeza activado pola área de Transición Ecolóxica recolleu un total de 4.860 quilos de residuos na Carballeira de Fingoi tras a celebración estudantil que tivo lugar durante a noite do mércores ao xoves. A actuación, desenvolvida polo equipo de LuceLugo, deu comezo a primeira hora da mañá e permitiu restablecer a normalidade no espazo en apenas dúas horas e media, quedando completamente limpo antes das 9:30 horas.

Este tempo de resposta, inferior ao de edicións anteriores, permitiu minimizar o impacto sobre o entorno e garantir o uso habitual deste espazo verde desde primeira hora do día, sen afección para o vecindario nin para a actividade diaria da zona.

“Un ano máis, o servizo municipal de limpeza volveu responder cunha actuación eficaz, rápida e respectuosa co entorno, permitindo recuperar este espazo verde nun tempo récord”, sinalou o alcalde, Miguel Fernández, quen quixo agradecer “o compromiso, a coordinación e a profesionalidade de todo o equipo humano que fixo posible este operativo nun contexto de alta intensidade”.

En comparación coa edición anterior, na que se recolleron 5.020 quilos de residuos, o volume total descende ata os 4.860 quilos. Por fraccións, rexístrase un incremento da fracción resto e dos envases lixeiros, mentres que descenden de maneira notable os residuos procedentes da limpeza viaria, que pasan de 1.480 a 300 quilos. Esta evolución responde a unha maior concentración da celebración no entorno da Carballeira, reducindo a dispersión de residuos nas rúas adxacentes e a afección ao conxunto do entorno urbano.

Un dispositivo planificado ao detalle

O operativo, activado polo Goberno local, contou con arredor dunha vintena de operarios e cun amplo despregamento de medios materiais que permitiron actuar de maneira simultánea en distintos puntos e optimizar os tempos de intervención. Entre eles, incluíronse dúas cisternas de baldeo mixto, dúas barredoras, unha fregadora, equipos de limpeza a vapor, camións recolectores, vehículos auxiliares tipo Goupil e maquinaria de apoio como sopladores.

Ademais do dispositivo posterior ao evento, o Concello levou a cabo un conxunto de medidas preventivas nos días previos co obxectivo de facilitar a xestión dos residuos e mellorar as condicións do espazo. Así, procedeuse á retirada das papeleiras da zona, á limpeza previa do entorno e á instalación de dez contedores de gran capacidade en puntos estratéxicos para favorecer a correcta deposición selectiva dos residuos durante a celebración.

Unha vez finalizado o evento, os traballos incluíron a limpeza integral da Carballeira e do seu entorno inmediato, con tarefas de baldeo mixto en rúas próximas como Campos Novos, Estrada da Granxa, Magoi, Fingoi ou Grupo da Paz. Así mesmo, realizáronse actuacións específicas en beirarrúas e portais mediante equipos de fregado e vapor, así como labores de varrido manual e mecánico nas zonas de maior concentración de persoas, garantindo unha intervención completa e exhaustiva.

“Somos conscientes de que esta celebración forma parte do calendario estudantil lucense, pero tamén debemos insistir na responsabilidade compartida. A convivencia entre lecer e respecto é posible se todas as partes colaboran”, concluíu Miguel Fernández.

Multimedia

  • O operativo especial de limpeza do Concello de Lugo recolle 4,8 toneladas de residuos tras a festa da Carballeira e restablece a normalidade en apenas dúas horas e media

Noticias relacionadas