O Concello de Lugo pon en marcha a campaña “Luguau: Deixa a súa pegada, non os seus ouriños” con reparto de kits de limpeza en distintos barrios da cidade

A iniciativa inclúe accións informativas e o reparto gratuíto de kits para facilitar a limpeza dos ouriños das mascotas na vía pública.

A campaña desenvolverase os días 26 e 27 de marzo en catro puntos da cidade.

“Non buscamos sinalar nin sancionar, senón acompañar, facilitar e concienciar, porque estamos convencidos de que a maioría da cidadanía quere facer as cousas ben e o que precisa son ferramentas e información para facelo”, destacou o alcalde Miguel Fernández.

Martes, 24 de marzo de 2026
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello de Lugo pon en marcha a campaña “Luguau: Deixa a súa pegada, non os seus ouriños” con reparto de kits de limpeza en distintos barrios da cidade

O Concello de Lugo, a través da iniciativa EcoLugo e en colaboración coa Concellería de Transición Ecolóxica, pon en marcha a campaña “Luguau: Deixa a súa pegada, non os seus ouriños”, unha acción de sensibilización dirixida ás persoas propietarias de cans co obxectivo de fomentar a limpeza da vía pública, evitar malos cheiros e mellorar a convivencia cidadá.

Neste sentido, o alcalde de Lugo, Miguel Fernández, explicou que esta campaña busca “seguir avanzando nunha cidade máis limpa, máis coidada e máis respectuosa cos espazos públicos”, ao tempo que apelou á responsabilidade colectiva no coidado do espazo común.

A campaña desenvolverase os días 26 e 27 de marzo en distintas prazas de catro barrios da cidade, onde se realizará o reparto gratuíto de kits de limpeza en horario de mañá e tarde:

Xoves, 26 de marzo

  • De 10:00 a 14:00 h na Praza do Camiño Primitivo
  • De 16:00 a 20:00 h na Praza Augas Férreas

Venres, 27 de marzo

  • De 10:00 a 14:00 h na Praza da Milagrosa
  • De 16:00 a 20:00 h na Praza do Campo Castelo

Os kits inclúen unha botella de vinagre branco, un recipiente para realizar a mestura e un folleto explicativo coas instrucións de uso. Recoméndase empregar unha mestura ao 50% de auga e vinagre branco, ou ben auga con xabón, para verter posteriormente sobre os ouriños dos cans e así evitar manchas e malos cheiros.

Ademais do reparto de kits, a campaña incluirá carpas informativas en distintos puntos da cidade, nas que se ofrecerá información directa á veciñanza sobre boas prácticas, así como campañas dixitais de sensibilización co fin de reforzar a mensaxe de corresponsabilidade.

Tal e como sinalou o alcalde, “falamos dunha iniciativa centrada nunha cuestión do día a día da cidade que require da implicación de toda a cidadanía para poder mellorar”, incidindo en que pequenos xestos poden ter un impacto significativo no estado das rúas.

Fernández subliñou tamén que esta acción non busca sancionar, senón facilitar ferramentas prácticas á veciñanza, lembrando que “o uso compartido do espazo público implica coidalo entre todos e todas”.

Desde o Concello incídese en que esta campaña pretende reforzar a responsabilidade das persoas que conviven con mascotas no coidado tanto dos espazos públicos como das fachadas das vivendas privadas, contribuíndo a manter a cidade en mellores condicións de limpeza.

Finalmente, anímase á veciñanza a participar nesta iniciativa e a adoptar hábitos responsables que contribúan a facer de Lugo un lugar cada vez máis limpo, coidado e agradable para vivir.

Multimedia

  • O Concello de Lugo pon en marcha a campaña “Luguau: Deixa a súa pegada, non os seus ouriños” con reparto de kits de limpeza en distintos barrios da cidade

Noticias relacionadas