Lugo será o epicentro do voleibol base estatal coa celebración do CESA 2026

A cidade acollerá do 25 ao 28 de xuño o principal campionato estatal de seleccións autonómicas en categorías infantil e cadete.

O campionato foi presentado hoxe na praza da Mosqueira coa presenza do alcalde, Miguel Fernández, e do concelleiro de Deportes, Jorge Bustos.

“É un orgullo que Lugo acolla unha cita desta dimensión, que reforza a nosa posición como cidade de referencia no deporte base”, destacou o alcalde.

Mércores, 15 de abril de 2026
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lugo será o epicentro do voleibol base estatal coa celebración do CESA 2026

A praza da Mosqueira acolleu hoxe a presentación oficial do Campionato de España de Seleccións Autonómicas (CESA) de voleibol base 2026, que se celebrará en Lugo entre o 25 e o 28 de xuño, convertendo a cidade nun dos grandes focos do deporte estatal neste ámbito.

No acto participaron o alcalde de Lugo, Miguel Fernández, e o concelleiro de Deportes, Jorge Bustos, xunto co presidente da Real Federación Española de Voleibol, Felipe Pascual; o secretario xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, Roberto García Fernández; o delegado da Xunta de Galicia en Lugo, Javier Arias; a deputada de Cultura, Iria Castro; o presidente da Federación Galega de Voleibol, José Ángel Luna; o concelleiro Alexandre Penas; o xefe do servizo de Deportes da Delegación Territorial da Xunta en Lugo, Manuel Otero Méndez ‘Cadramón’, e o xerente da Fundación Feiras e Exposicións de Lugo, Rubén López.

“Este campionato sitúa a Lugo no mapa do deporte base estatal e confirma que somos unha cidade preparada para acoller grandes eventos con garantías organizativas e cunha infraestrutura á altura”, destacou o alcalde, quen subliñou que “non é só unha cita deportiva, senón unha oportunidade para proxectar Lugo, dinamizar a economía local e seguir fortalecendo o noso modelo de cidade”.

O CESA está considerado a principal competición do voleibol base a nivel estatal e reunirá en Lugo seleccións de 17 comunidades autónomas, nas categorías infantil e cadete, tanto en categoría feminina como masculina. En total, participarán 76 equipos, con arredor de 1.300 persoas entre deportistas, técnicos e persoal federativo, ás que se sumarán milleiros de acompañantes, superando as 3.000 persoas ao longo dos días de competición.

A competición desenvolverase en diferentes instalacións municipais e espazos da cidade. O Pavillón Municipal será o escenario das finais, mentres que o Polideportivo Municipal Casa do Deporte, o Polideportivo Municipal O Pombal e o Pazo de Feiras e Congresos de Lugo acollerán tamén partidos ao longo das xornadas de competición.

“Levamos tempo traballando para traer este campionato a Lugo e hoxe é xa unha realidade. Contamos cunha rede de instalacións preparada, experiencia organizativa e un tecido deportivo que nos avala”, sinalou o concelleiro de Deportes, Jorge Bustos, quen destacou a coordinación institucional e coas federacións.

Pola súa banda, Miguel Fernández incidiu en que “eventos como o CESA teñen un retorno directo na cidade, con milleiros de visitantes durante varios días, que repercuten na hostalaría, no comercio e no conxunto do sector servizos”. O alcalde engadiu que “o impacto económico previsto supera o millón de euros, o que evidencia a importancia de apostar por este tipo de eventos tamén desde o punto de vista económico”.

A celebración do CESA reforza ademais o papel de Lugo como un dos epicentros do voleibol estatal, grazas ao traballo desenvolvido nos últimos anos tanto desde o ámbito institucional como desde o tecido deportivo local, cunha base sólida e en constante crecemento.

“Este é o resultado dun proxecto de cidade que aposta polo deporte base, pola formación e pola captación de grandes eventos como motor de desenvolvemento”, concluíu o alcalde.

Multimedia

  • Lugo será o epicentro do voleibol base estatal coa celebración do CESA 2026

Noticias relacionadas