A alcaldesa, Elena Candia, abordou co xefe da Policía Local as necesidades de persoal, os retrasos no pago de horas extraordinarias, a regulación do tráfico na Zona de Baixas Emisións e outras cuestións organizativas centradas nos actos da súa patroa que se celebrará o vindeiro 21 de maio.
As mesas de seguridade celebraranse semanalmente todos os martes e non se descarta incorporar nas vindeiras reunións a representantes doutros corpos e forzas de seguridade.

A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, mantivo esta mañá a primeira reunión da Mesa de Seguridade Local co xefe da Policía Local, José Río, co obxectivo de analizar as principais necesidades do servizo e coordinar actuacións prioritarias en materia de seguridade cidadá.
A reunión estivo marcada pola necesidade de avanzar na protección e seguridade dos veciños e veciñas de Lugo, así como na actualización e posta en marcha do Plan Municipal de Emerxencias (PEMU).
Durante o encontro abordouse a necesidade de completalo cos estudos pendentes relacionados co transporte de mercadorías perigosas e as zonas inundables, así como de dotar dos medios necesarios ao Concello para facer operativo o PEMU, incluída a creación da unidade de Protección Civil e o desenvolvemento da normativa necesaria para garantir unha resposta solvente ante posibles situacións de emerxencia.
A alcaldesa agradeceu a colaboración e coordinación existente entre Policía Local, bombeiros e persoal municipal e non descartou que nas vindeiras reunións da Mesa de Seguridade se incorporen tamén outros corpos e forzas de seguridade.
Nesta xuntanza e xa no ámbito organizativo, tamén se trataron os preparativos dos actos previstos para o vindeiro 21 de maio con motivo da celebración do patrón da Policía Local.
Outro dos asuntos abordados foi a situación de persoal do corpo policial, especialmente no relativo ás prazas pendentes das Ofertas Públicas de Emprego. Durante a reunión púxose tamén en común o retraso existente no pago das horas extraordinarias e analizáronse as incertezas sobre a regulación do tráfico na zonas de baixas emisións, así como a tramitación dos permisos de acceso ás zonas peonís e de tráfico compartido, entre elas as situadas no entorno do HULA e do CIS.
Neste senso, o goberno municipal asumiu o compromiso de xestionar coa Xunta de Galicia e co CIS os convenios necesarios para garantir a regulación do tráfico e a capacidade de actuación ante posibles incidencias nestes espazos.

