
A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, presidiu esta mañá a Mesa Local de Seguridade celebrada no Salón de Comisións do Concello para coordinar o operativo previsto con motivo das actividades que a Guardia Real desenvolverá esta tarde e ao longo da fin de semana na cidade.
Na reunión participaron representantes da Guardia Real, mandos da Policía Local, Policía Nacional, Policía Autonómica, Bombeiros e Protección Civil, co obxectivo de reforzar a coordinación entre os distintos corpos de seguridade e garantir o correcto desenvolvemento da programación prevista.
Elena Candia destacou que “a seguridade ten que ser unha prioridade permanente para este goberno” e puxo en valor o traballo coordinado entre administracións e corpos de seguridade para ofrecer garantías á cidadanía en eventos desta dimensión.
A programación da Garda Real inclúe exhibicións, exposicións, concertos, desfiles e actividades abertas ao público, ademais da xura de bandeira prevista para este domingo no parque Rosalía de Castro, nun acto solemne que permitirá achegar á cidadanía ao labor, a historia e os valores desta unidade militar.
Posteriormente, Elena Candia mantivo tamén unha reunión institucional co coronel xefe da Garda Real, Luis Alfonso Choya. A alcaldesa coñeceu todos os detalles da programación prevista destacando tamén a relevancia de que Lugo acolla un despregamento destas características, con máis de 500 efectivos, unidades motorizadas, cabalaría, música militar e exhibicións abertas á cidadanía, contribuíndo a proxectar a cidade e a reforzar o vínculo entre institucións e sociedade.


