O programa +XTi instalará un stand no recinto con dinámicas interactivas para promover hábitos saudables entre a mocidade.
O festival, que reúne a milleiros de persoas cada ano, convértese nun escenario idóneo para achegar a prevención aos espazos de lecer xuvenil.
O edil de Xuventude, Jorge Bustos, destacou que “a mellor forma de chegar á mocidade é estar ao seu carón nos lugares que lles resultan atractivos, ofrecendo alternativas que combinan diversión e conciencia social”.

O Concello de Lugo, a través do seu programa +XTi, estará presente un ano máis no Caudal Fest cun espazo específico de redución de riscos. O obxectivo é promover o consumo responsable e previr condutas adictivas nun dos eventos musicais máis multitudinarios de Galicia, que cada setembro reúne a milleiros de persoas e sitúa a cidade como referente no panorama festivaleiro.
“O Caudal Fest é unha oportunidade única para chegar a centos de mozas e mozos, transmitindo unha mensaxe clara: a diversión e a prevención poden ir da man. A mellor forma de chegar á mocidade é estar ao seu carón nos lugares que lles resultan atractivos, ofrecendo alternativas que combinan diversión e conciencia social”, subliñou o edil de Xuventude, Jorge Bustos.
O stand, atendido por profesionais especialistas en adiccións, ofrecerá actividades lúdicas e educativas adaptadas á mocidade. Entre as propostas destacan o circuíto do Test de Romberg, que avalía o equilibrio e a coordinación, e as probas coas gafas de simulación de consumos, que permiten experimentar de maneira segura os efectos do alcohol, cánnabis e outras substancias psicoactivas.
Na edición pasada participaron máis de 175 persoas nestas dinámicas, un balance que o Goberno local espera superar nesta ocasión. Ademais da experiencia práctica, as persoas que completen as probas recibirán agasallos como camisetas, chuvasqueiros, cubrevasos ou baterías portátiles.
O edil de Xuventude salientou tamén o compromiso do Goberno local: “queremos que Lugo sexa un referente en políticas de prevención, demostrando que se pode actuar de forma próxima, innovadora e adaptada aos novos hábitos de ocio”.
O programa +XTi, impulsado polo Concello de Lugo en colaboración co Plan Nacional sobre Drogas, desenvolve ao longo do ano iniciativas para fomentar hábitos de vida saudables e previr condutas de risco entre a mocidade lucense. A súa presenza no Caudal Fest confirma a aposta por achegar a prevención aos espazos reais de encontro e diversión xuvenil.


