O Auditorio Fuxan os Ventos lembra ao grupo cunha exposición sobre a súa historia

O Tenente Alcalde, Rubén Arroxo, acompañado pola edil de Cultura, Maite Ferreiro, e integrantes de Fuxan os Ventos, visitaron a exposición que se poderá ver na entrada do Auditorio

Maite Ferreiro: "A veciñanza de Lugo e todas as persoas que se acheguen a algunha das moitas actividades do auditorio poderán lembrar as historias destes 50 anos, as vivencias de moitas persoas, pero tamén a propia historia recente do noso país"

Venres, 27 de marzo de 2026
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Auditorio Fuxan os Ventos lembra ao grupo cunha exposición sobre a súa historia

O Tenente de Alcalde, Rubén Arroxo e a concelleira de Cultura, Maite Ferreiro, acompañados por integrantes de Fuxan os Ventos abriron no auditorio a exposición conmemorativa "Fuxan os Ventos, 50 anos de historia". Maite Ferreiro destacou que esta mostra "completa a homenaxe das veciñas e veciños de Lugo a unha agrupación con máis de 50 anos de historia".

A concelleira subliñou ademais que "a veciñanza de Lugo e todas as persoas que se acheguen poderán lembrar as historias destes 50 anos, as vivencias de moitas persoas, pero tamén a propia historia recente do noso país". Ferreiro afirmou que "para o Concello de Lugo é unha honra acoller a exposición do 50 aniversario desta agrupación despois de acoller tamén o seu nacemento no ano 1972".

A exposición ofrece un percorrido completo pola traxectoria de Fuxan os Ventos a través de materiais documentais, obxectos e textos que permiten reconstruír a evolución artística do grupo e comprender o seu impacto cultural ao longo de cinco décadas.

Esta iniciativa dá continuidade ás tres actuacións especiais que a formación ofreceu no Auditorio Municipal en xuño de 2025, concertos que, segundo lembrou Ferreiro, "foron especialmente emotivos e contaron cunha grande acollida por parte do público lucense".

Con esta mostra, a Tenencia de Alcaldía reforza o seu compromiso coa posta en valor da cultura galega e co recoñecemento a figuras e colectivos que contribuíron de maneira decisiva á súa difusión.

Maite Ferreiro afirmou que "Fuxan os Ventos é un dos grupos musicais galegos máis importantes nas últimas décadas", e engadiu "para o Concello de Lugo é unha honra acoller a exposición do 50 aniversario desta agrupación despois de acoller tamén o seu nacemento no ano 1972".

Fuxan os Ventos

Fuxan os Ventos naceu no ano 1972 a partir da unión dun grupo de rapaces e rapazas que cantaban no coro do Colexio Menor do Santísimo Sacramento de Lugo. O seu primeiro nome, Folk72, foi deixado de lado despois de gañar o primeiro premio no III Festival Musical das San Lucas de Mondoñedo co tema Fuxan os Ventos.

Entre o ano 1976 e o 2025 lanzaron un total de 11 álbums, Fuxan os ventos (1976), O tequeletequele (1977), Galicia canta ó neno (1978), Sementeira (1978), Quen a soubera cantar (1981), Noutrora (1984), O Mellor (1987), Sempre máis e mellor (1999), Na memoria dos tempos (2002), Terra de soños (2009) e Ao vivo no Auditorio Fuxan os Ventos, lanzado a finais do 2025, e que consiste na gravación dun dos concertos celebrados o pasado ano no auditorio.

A agrupación chegou a ter máis de 30 integrantes, estando formada actualmente por Antón Castro á zanfona, mandolina e voz, Xosé Vázquez á percusión e voz, Pedro Lucas na gaita, frautas e voz, Xoán Fuentes Saavedra no violín, guitarra, bouzuki e voz, Moncho Díaz na guitarra, frautas e voz, ademais das voces de Carmen Vázquez, Tareixa Novo, Maruxa Fociños e Alfonso Fernández. Entre os seus antigos membros destacan Xosé Luís Rivas, Mini, e Baldomero Iglesias, Mero.

Fuxan os Ventos tivo durante toda a súa carreira un alto compromiso social, chegando a toda a sociedade galega con mensaxes comprometidas coas distintas problemáticas das galegas e galegos, apostando tamén pola lingua galega.

Audio

  • Maite Ferreiro, sobre o grupo Fuxan os Ventos | Descargar mp3

Multimedia

  • O Auditorio Fuxan os Ventos lembra ao grupo cunha exposición sobre a súa historia
  • O Auditorio Fuxan os Ventos lembra ao grupo cunha exposición sobre a súa historia

Noticias relacionadas