O programa +XTi enche de propostas o verán con novas actividades de lecer saudable para a mocidade e as familias

Senderismo, batalla de galos, hip hop e iniciativas interxeracionais marcarán o mes de agosto e o inicio de setembro en distintos barrios da cidade.

As actividades están dirixidas a públicos diversos, desde adolescentes ata familias, e combínanse formatos con inscrición previa e propostas de acceso libre.

“Xusto cando a mocidade conta con máis tempo libre, intensificamos a nosa oferta para seguir ofrecendo alternativas de lecer activas, creativas e accesibles”, sinala o edil Jorge Bustos.

Sábado, 02 de agosto de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
 O programa +XTi enche de propostas o verán con novas actividades de lecer saudable para a mocidade e as familias

O Concello de Lugo, a través da Concellería de Xuventude e coa colaboración do Plan Nacional sobre Drogas, reforza durante os meses de agosto e setembro a súa aposta polo lecer alternativo e saudable coa programación do +XTi. O programa achega catro novas propostas pensadas para distintos tramos de idade e para públicos diversos, fomentando hábitos de vida activos, creativos e colectivos a través do deporte, a cultura urbana e a natureza.

O concelleiro de Xuventude, Jorge Bustos, salientou que “xusto cando a mocidade conta con máis tempo libre, intensificamos a nosa oferta para seguir ofrecendo alternativas de lecer activas, creativas e accesibles, que conecten coa súa realidade e contribúan a un verán máis enriquecedor para toda a cidade”. Engadiu ademais que “a través de propostas como o hip hop, os xogos en familia ou o contacto coa natureza conseguimos transformar o espazo público nun punto de encontro onde a convivencia, a aprendizaxe e a expresión persoal conviven de forma natural”.

A primeira das actividades será unha proposta de senderismo para persoas de 18 a 39 anos, cun formato flexible que permitirá escoller entre quendas de mañá (de 09:00 a 13:00 horas) e de tarde (de 17:00 a 21:00 horas) durante os días 18, 19, 20, 21 e 22 de agosto. Trátase dunha actividade aberta, sen inscrición previa, que se desenvolverá en contornas naturais próximas, favorecendo o contacto coa natureza e o exercicio físico.

Tamén en agosto terá lugar a actividade de Ocio con familias, que se celebrará os domingos 17, 24 e 31, en horario continuo de 11:00 a 21:00 horas. Está pensada para grupos familiares de entre 2 e 5 membros, cun máximo de 20 familias por día, e busca reforzar os vínculos interxeracionais a través de propostas lúdicas e cooperativas. A participación é aberta por orde de chegada.

A programación incluirá tamén unha MasterClass de Hip-Hop, dirixida a mozas e mozos de 11 a 17 anos, que se desenvolverá na Praza de Augas Férreas os días 25, 26, 27, 28, 29 e 30 de agosto, en horario de 20:00 a 21:30 horas. Trátase dunha actividade aberta sen inscrición previa, que busca fomentar a creatividade, o movemento e a expresión a través da cultura urbana.

Xa en setembro, o sábado día 6, terá lugar unha nova edición da Batalla de Galos, tamén na Praza de Augas Férreas, de 19:30 a 23:30 horas. Neste caso, será necesario realizar inscrición previa a través da web www.urbantour.es antes do 22 de agosto. A proposta está pensada como un espazo de encontro e exhibición para a mocidade que practica o freestyle, consolidando esta disciplina como parte do panorama cultural xuvenil da cidade.

Para máis información, as persoas interesadas poden chamar ao 982 297 498 ou consultar a web www.lugomasxti.org.

Audio

  • O programa +XTi enche de propostas o verán con novas actividades de lecer saudable para a mocidade e as familias | Descargar mp3

Máis info

Noticias relacionadas