As actividades serán os domingos 17, 24 e 31, en horario continuo de 11.00 a 21.00 horas.
Os encontros terán lugar no Paseo do Río Miño (17 de agosto na traseira do Pazo de Feiras), no Paseo do Río Rato (24 de agosto, no merendeiro) e no parque de Frigsa (31 de agosto, na zona axardinada detrás da Casa da Muller).
“Queremos ofrecer ás familias lucenses un espazo de encontro no que compartir tempo de calidade e descubrir alternativas de lecer saudables e accesibles”, subliñou o concelleiro de Xuventude, Jorge Bustos.

O Concello de Lugo, a través da Concellería de Xuventude e coa colaboración do Plan Nacional sobre Drogas, pon en marcha esta semana as xornadas de Ocio con familias, unha das citas centrais da programación de verán do programa +XTi. Celebraranse os domingos 17, 24 e 31 de agosto, de 11:00 a 21:00 horas, e desenvolveranse en tres espazos verdes diferentes: o 17 no Paseo do Río Miño (zona traseira do Pazo de Feiras), o 24 no Paseo do Río Rato (merendeiro) e o 31 no parque de Frigsa (zona axardinada detrás da Casa da Muller).
O edil de Xuventude, Jorge Bustos, subliñou que “con esta proposta queremos ofrecer ás familias lucenses un espazo de encontro no que compartir tempo de calidade e descubrir alternativas de lecer saudables e accesibles”.
Cada xornada comezará cunha recepción e rexistro de participantes, coa entrega de gorras e material, e contará con música ambiental durante todo o día. O programa incluirá debate e asesoramento sobre prevención de adiccións a cargo do psicólogo Denis Fernández Varcalcel, dinámicas interxeracionais e interculturais, un picnic saudable con xogos de sobremesa, unha olimpíada colaborativa con circuito de probas en familia, un obradoiro de coctelería sen alcohol e unha sesión de ioga e danzaterapia guiada por Eva de la Torre, antes da entrega de premios.
Bustos destacou que se trata dunha proposta pensada para “reforzar os vínculos interxeracionais e poñer en valor a convivencia como elemento esencial do benestar familiar”. Ademais, puxo en valor que “todo o programa está deseñado para que as familias desfruten xuntas, independentemente da idade dos seus membros, fomentando a creatividade, a cooperación e hábitos de vida saudables”.
A actividade está dirixida a familias lucenses e conta con aforo limitado (máximo 20 familias por día, grupos de 2 a 5 membros). A participación é por orde de chegada e inclúe comida de balde.
Máis información en www.lugomasxti.org.
Audio
- O edil de Xuventude, Jorge Bustos, sobre o programa +XTI | Descargar mp3



