O programa abrangue accións para Primaria, Secundaria e Formación Profesional Básica, con dous novos obradoiros centrados en educación vial e adiccións tecnolóxicas.
As solicitudes poden realizarse ata o 30 de novembro a través do correo francisco.eiros@lugo.gal.
“O noso compromiso é ofrecer á mocidade ferramentas prácticas para previr condutas de risco e promover estilos de vida saudables”, destacou o concelleiro de Xuventude, Jorge Bustos.

A Área de Xuventude do Concello de Lugo, a través do Servizo Municipal de Prevención de Drogodependencias e outras Adiccións Comportamentais, vén de presentar o novo programa de obradoiros de prevención para o curso 2025/2026, dirixido a centros educativos de Primaria, Secundaria e Formación Profesional Básica do municipio. Trátase dunha iniciativa consolidada que, cada ano, chega a centos de estudantes e que ten como obxectivo fomentar hábitos de vida saudables, previr o consumo de substancias e promover un uso responsable das tecnoloxías.
O concelleiro de Xuventude, Jorge Bustos, explicou que “a prevención require continuidade e presenza nas aulas; por iso, mantemos esta programación, que permite traballar directamente co alumnado desde idades temperás e tamén coas familias”. O edil destacou que “os contidos están actualizados aos novos retos sociais, como o impacto das pantallas, o vapeo ou as novas formas de ocio, sempre desde unha perspectiva práctica e participativa”.
Os obradoiros, de carácter gratuíto, serán impartidos por persoal técnico municipal especializado e, nalgúns casos, contarán coa colaboración da Policía Local. O programa abrangue diferentes niveis educativos:
- En Primaria, o taller Desconecta aborda a prevención de adiccións con e sen substancia, traballando sobre alcohol, tabaco, videoxogos, redes sociais ou apostas a través de dinámicas de grupo e toma de decisións.
- En Secundaria, o programa Unplugged promove as habilidades para a vida e o pensamento crítico, mentres o monográfico sobre cannabis, vapeo e tabaco achega información veraz e desmonta mitos frecuentes.
- Para o alumnado de 4º da ESO, o obradoiro Dobre Check céntrase nas adiccións do século XXI, a comunicación efectiva e a responsabilidade persoal.
- Finalmente, o novo obradoiro Adiccións, educación vial e mocidade está dirixido a mozos e mozas a partir de 16 anos, e analiza a relación entre consumo de substancias, mobilidade urbana e condución segura.
A programación complétase cun ciclo de charlas para familias, co obxectivo de reforzar o papel educador de pais e nais na detección temperá de condutas de risco e na promoción de hábitos saudables no fogar. “A familia é o primeiro espazo de aprendizaxe e acompañamento, e queremos que tamén dispoña de recursos para actuar con confianza e información”, engadiu Bustos.
As solicitudes deberán presentarse antes do 30 de novembro de 2025, enviando o modelo dispoñible na web www.lugomasxti.org ao correo francisco.eiros@lugo.gal. Na medida do posible, respectaranse as datas propostas polos centros solicitantes. Os obradoiros impartiranse no Centro de Convivencia Municipal Uxío Novoneyra e nos propios colexios e institutos participantes.
O concelleiro concluíu lembrando que “estas accións forman parte da estratexia municipal de promoción da saúde e benestar da mocidade lucense. Seguiremos apostando pola prevención como ferramenta esencial para construír unha cidade máis sa, consciente e comprometida co futuro da súa xente nova”.
Audio
- O concelleiro de Xuventude, Jorge Bustos, sobre os novos obradoiros de prevención de adicción | Descargar mp3


