Aberta a inscrición para as case 170 prazas da nova escape room, que se celebrará na Casa da Xuventude entre os días 27 e 30

‘En busca da campá máxica’ combina ata 25 probas con sistema arduino, descifrado de códigos e claves, encriptados de palabras e sensores metálicos e táctiles, entre outras.

Durante estas catro xornadas, desenvolveranse tres sesións pola mañá e catro pola tarde, coa participación de ata un máximo de seis persoas por cada un dos grupos.

A área de Xuventude repite unha das actividades máis demandadas entre a mocidade, que será de balde e que se desenvolverá nunha das plantas do centro municipal de San Fiz.

Mércores, 17 de decembro de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Aberta a inscrición para as case 170 prazas da nova escape room, que se celebrará na Casa da Xuventude entre os días 27 e 30

A concellería de Xuventude abriu hoxe o prazo de inscrición para as case 170 prazas postas a disposición da mocidade lucense para participar de balde na nova escape room, organizada desde esta área municipal. Baixo o nome ‘En busca da campá máxica’, esta actividade terá lugar os días 27,28, 29 e 30, en horarios de 10.30 a 13.30 pola mañá, e entre as 16.30 e as 20.30 horas, pola tarde. Así, en cada unha das xornadas reservadas para esta actividade haberá sete sesións dunha hora, cun máximo de 6 participantes por cada un dos grupos.

Trátase dunha das actividades máis demandadas e de maior éxito de cantas se celebran dende a área de Xuventude do Concello de Lugo, de aí que, tal e como explica o responsable desta área, o edil Jorge Bustos, “optamos por manter o número de prazas ofertadas o ano pasado, cando ampliamos a inscrición ante a boa resposta da mocidade lucense. Desde Xuventude queremos ofrecer aos mozos e mozas lucenses unha alternativa de ocio lúdico e saudable no municipio para estas vacacións, e apostar por unha actividade que nas distintas edición nas que se levou a cabo, esgotou as súas prazas”.

A escape room desenvolverase nas distintas salas e dependencias que ocupan toda unha planta da Casa da Xuventude, un espazo suficiente como para acoller as 25 probas deste gran xogo colectivo. Haberá distintas fases nas que os participantes deberán ir resolvendo enigmas empregando o sistema arduino, superar probas con sensores táctiles e metálicos, busca de obxectos ocultos, desafíos manuais, descifrado de códigos e claves, combinacións numéricas, resolución de xeroglíficos, e  encriptados de palabras, entre outras. Ademais, a escape room contará con elementos novos como unha barca con trampilla, un faro, máquina de fume e a participación do Grinch, un personaxe que se incorpora nesta edición á iniciativa organizada desde Xuventude.

As inscricións, totalmente de balde e abertas ata completar as prazas, pódense realizar desde hoxe e ata a xornada previa ao inicio da primeira escape room a través da web www.formulario.xuventudelugo.gal.

Noticias relacionadas