O +XTi reforza a súa programación con música urbana e unha proposta innovadora de prevención do xogo en Lugo

O programa, impulsado polo Concello de Lugo coa colaboración do Plan Nacional sobre Drogas, incorpora novas actividades que combinan lecer, formación e sensibilización.

“Queremos ofrecer alternativas atractivas, pero tamén acompañar á mocidade en cuestións clave como o benestar e a prevención”, destaca o edil Jorge Bustos.

Mércores, 18 de marzo de 2026
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O +XTi reforza a súa programación con música urbana e unha proposta innovadora de prevención do xogo en Lugo

O Concello de Lugo, a través da Concellería de Xuventude e coa colaboración do Plan Nacional sobre Drogas, continúa ampliando a programación do +XTi 2026 con novas propostas dirixidas á mocidade, combinando cultura urbana, participación activa e accións de prevención.

A oferta inclúe, por primeira vez de forma conxunta, obradoiros de freestyle e un curso de DJ vinculados á participación en eventos musicais, así como a actividade “Aposta XTi”, un escape room itinerante centrado na prevención da ludopatía e no uso responsable dos videoxogos.

Neste sentido, o concelleiro de Xuventude, Jorge Bustos, subliñou que “o +XTi non é só un programa de lecer, é unha ferramenta para acompañar á mocidade, ofrecerlle alternativas e tamén abordar realidades que lles afectan directamente”. Ademais, engadiu que “a clave está en combinar propostas atractivas coa prevención, sen perder a conexión coa súa forma de vivir e entender o ocio”.

Música urbana con acceso a escenarios reais

Os obradoiros de freestyle desenvolveranse os días 26, 27 e 31 de marzo e 1, 9, 10, 16 e 17 de abril, en horario de 16:00 a 19:00 horas na Casa da Música. As persoas participantes terán acceso directo á Batalla de Galos do 24 de abril, permitindo dar o salto a un evento real da programación xuvenil.

Pola súa banda, o curso de DJ celebrarase os días 23, 24, 25, 30 e 31 de marzo e 1, 6, 7, 8, 13, 14 e 15 de abril, en horario de 19:00 a 22:00 horas, tamén na Casa da Música. O alumnado poderá participar en eventos musicais na cidade entre o 20 e o 23 de abril, aplicando na práctica os coñecementos adquiridos.

Ambas actividades son de balde, con 15 prazas por grupo, e as inscricións permanecerán abertas ata o 20 de marzo ás 14:00 horas no caso do curso de DJ e ata o 24 de marzo ás 19:00 horas para os obradoiros de freestyle.

Escape room itinerante e faladoiros sobre apostas e benestar dixital

No ámbito da prevención, o programa incorpora “Aposta XTi”, unha proposta que combina un escape room móbil e itinerante, que percorrerá distintos puntos da cidade entre o 21 e o 25 de abril, con quendas de 45 minutos e grupos de 5 persoas, e unha programación de sensibilización.

A actividade complétase cunha sesión en centros educativos sobre adicción ao xogo e cun faladoiro aberto á cidadanía sobre benestar dixital, que terá lugar o xoves 16 de abril, de 18:30 a 20:00 horas, no Centro Cultural Uxío Novoneyra, coa participación de Juan García (Crianza Digital) e Unai Garma (A90Grados).

Bustos destacou tamén que “estamos falando de novas formas de lecer, pero tamén de novos riscos, e por iso é importante abordalos desde formatos que a mocidade entenda e nos que queira participar”.

Así mesmo, aínda hai prazas dispoñibles nas actividades dirixidas a mocidade e familias, e prevese a apertura próxima do prazo de inscrición para o curso oficial e homologado de Director/a de Actividades de Tempo Libre, único na actualidade na cidade de Lugo.

Con esta programación, o +XTi reforza a súa aposta por un modelo de lecer saudable, creativo e participativo, no que a prevención, a formación e a expresión cultural conviven para ofrecer alternativas reais á mocidade.

Audio

  • O concelleiro de Xuventude, Jorge Bustos, sobre a programación con música urbana do +XTi | Descargar mp3

Multimedia

  • O +XTi reforza a súa programación con música urbana e unha proposta innovadora de prevención do xogo en Lugo

Noticias relacionadas