O edil Jorge Bustos destaca que “haberá 582 prazas para maiores de 18 anos, incluíndo cursos con aletas, para embarazadas e actividades combinadas co coidado da saúde”.
As clases de aprendizaxe, iniciación e perfeccionamento terán lugar os meses de abril, maio e xuño, e un custo de 55,20 para nenos e nenas, e de 68,70 euros para adultos.
As solicitudes pódense facer desde mañá ata o 5 de marzo nas oficinas de ambas piscinas, mentres que as matriculacións serán só en Frigsa, do 16 ao 20 deste mes.

O edil de Deportes, Jorge Bustos, anunciou hoxe que en breve abrirase o prazo de inscrición para os cursos de natación, que para o segundo trimestre do ano, ao longo dos meses de abril, maio e xuño, ofertaranse preto de 1.000 prazas, tanto de adultos como infantil, nas piscinas de Frigsa e As Pedreiras. Concretamente, haberá 582 prazas reservadas a maiores de 18 anos, nos cursos de aprendizaxe, iniciación e perfeccionamento, ás que se suman as clases de natación con aletas, para embarazadas, e as que combinan natación con exercicios físicos na auga que favorecen o coidado da saúde. Mentres, resérvanse 416 prazas para nenos e nenas, nos tres niveis sinalados, en distintos horarios e quendas, e tanto para a piscina de Frigsa como a das Pedreiras.
As solicitudes poderanse realizar desde mañá, día 2, ata o 5 de marzo nas oficinas municipais de Frigsa e de As Pedreiras, mentres que as matriculacións faranse só nas instalacións de Frigsa, do 16 ao 20 deste mes. Os prezos por trimestre mantense, polo que as actividades terán un custo de 55,20 euros para nenos e nenas, e de 68,70 para adultos.
Desde a área de Deportes do Concello de Lugo, o concelleiro Jorge Bustos, sinala que a posta a disposición destas case 1.000 prazas para o segundo trimestre, significa que ao longo do ano suporá un total de case 3.000 prazas para o curso 2025-2026 na que é unha das actividades máis demandadas e polo tanto, de maior participación, de cantas se realizan desde a área de Deportes. A maiores, hai que engadir os cursos intensivos que o Concello de Lugo organiza no mes de setembro, e que no último ano superaron as 270 prazas.
Do total das case 1.000 prazas ofertadas en Frigsa e As Pedreiras, haberá 192 reservadas para as e os adultos das clases de aprendizaxe, considerado o primeiro nivel; outras 208 prazas para as clases de iniciación; e 160 para o nivel superior, o de perfeccionamento. Pola súa banda, os cursos para rapazas e rapaces, nados entre 2011 e 2022, ofertarán 202 prazas para aprendizaxe; 158 para iniciación e 56 en perfeccionamento. Ademais, a piscina de Frigsa acollerá outras actividades para adultos, como a de natación con aletas, para a que hai dispoñibles 8 prazas; 6 en natación para embarazadas e outras 8 prazas para natación e saúde.
A todos estes cursos, hai que engadir as actividades que combinan ximnasia e natación, dirixidas a maiores de 65 anos, e que se desenvolven ao longo do ano nas dúas piscinas municipais. Dado o éxito e a demanda destas clases, a oferta inicial de 330 prazas ampliouse ata as 400, co obxectivo de cubrir o maior número de solicitudes.
Con respecto a todas as actividades de natación das piscinas municipais, o edil Jorge Bustos sinala que “desde a área de Deportes mantemos prezos e prazas para unhas actividades que desde hai décadas son das máis demandadas de cantas organizamos desde o Concello de Lugo. Ademais, dados estes prezos populares, desde o Goberno Local favorecemos o ocio activo e saudable entre as e os lucenses de todas as idades”.



