A alcaldesa de Lugo recibe á karateca Uxía Folgueira tras os seus éxitos internacionais en Exipto

Martes, 21 de xullo de 2026
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A alcaldesa de Lugo recibe á karateca Uxía Folgueira tras os seus éxitos internacionais en Exipto

A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, acompañada polo concelleiro de Deportes, Damián Carballo, recibiu este martes no Salón de Plenos do Concello á karateca lucense Uxía Folgueira para recoñecer os seus recentes éxitos deportivos na competición internacional celebrada en Exipto, onde conquistou unha medalla de ouro e outra de bronce representando a España.

Durante o encontro, a rexedora trasladoulle o orgullo de toda a cidade polos logros acadados e interesouse pola súa experiencia nesta cita internacional, así como polos seus próximos retos deportivos. Ademais, animouna a manter un contacto directo co Concello e e reafirmou o seu compromiso co deporte base e co talento lucense: “Cada vez que teñas un triunfo deportivo, cada vez que deas un paso na túa carreira, queremos que sintas que o Concello de Lugo está aquí, apoiándote de distintos xeitos. Queremos ter a oportunidade de acompañarte nese camiño.”

Pola súa banda, Uxía Folgueira cualificou a competición como “un campionato moi bonito ao que lle tiña moitas ganas” e mostrou a súa satisfacción polos resultados obtidos. Na súa primeira participación na categoría cadete conseguiu impoñerse á actual campioa de Europa, compañeira tamén da selección española, un logro que, segundo recoñeceu, a fai sentirse “moi orgullosa do traballo realizado”.

Noticias relacionadas