
A Xunta de Goberno Local aprobou completar o procedemento de expropiación dos terreos do antigo colexio do Sagrado Corazón, cun pagamento de 726.710,87 euros á Fundación Galicia Obra Social.
A formalización das actas de pagamento e ocupación está prevista para o 10 de setembro. Unha vez completado o proceso, o Concello poderá poñer os terreos á disposición da Consellería de Sanidade, dando un paso decisivo para desbloquear o novo centro de saúde que demanda o barrio.
Os centros de convivencia terán un 56 % máis de horas de actividade
A Xunta de Goberno Local adxudicou a Os Ventos Innovación en Servizos, S.L. o novo servizo integral de animación sociocultural dos centros de convivencia, cun compromiso de gasto de 542.692,79 euros e unha duración inicial dun ano, prorrogable ata cinco.
O novo contrato unifica nun único servizo as prestacións que antes se xestionaban mediante dous contratos diferenciados e eleva as horas de actividade de 18.382 a 28.668 ao ano, é dicir, 10.286 horas máis e un incremento do 56 %.
Ademais, amplíase a rede de equipamentos atendidos e incorpóranse 1.350 horas anuais adicionais sen custo, cinco saídas culturais gratuítas máis cada ano e 10.000 euros para eventos e actuacións.
O Concello reforza a colaboración coa Formación Profesional
A Xunta de Goberno Local aprobou dous convenios coa Consellería de Educación para facilitar a formación práctica do alumnado.
O IES Sanxillao desenvolverá actividades formativas de Hostalaría na Praza de Abastos e no Mercado Municipal, combinando a formación coa dinamización dos mercados e a promoción do produto de proximidade.
Pola súa banda, o CIFP As Mercedes poderá utilizar aulas, espazos de prácticas, cocheiras, a torre de prácticas e determinados equipamentos do Parque de Bombeiros para a formación dos ciclos de Emerxencias e Protección Civil, sempre de forma coordinada e sen interferir no funcionamento operativo do servizo.
O Concello avanza na eliminación dun tapón urbanístico en Montero Ríos
A Xunta de Goberno Local abordou a adquisición do inmoble situado na rúa Montero Ríos, número 2, por 27.391,42 euros, unha actuación que permitirá eliminar o tapón urbanístico existente na entrada do Camiño Primitivo ao casco histórico.
A incorporación do inmoble ao patrimonio municipal permitirá completar a renovación integral do Carril das Flores, dando continuidade ás actuacións xa realizadas e mellorando este importante acceso ao casco histórico.
Persoal
Finalmente, a Xunta de Goberno Local designou o tribunal cualificador para cubrir tres prazas de celador/a de CEIP, correspondentes á Oferta de Emprego Público de 2023.

