A Xunta de Goberno Local aproba o proxecto de Regulamento da carreira profesional tralo acordo unánime acadado coa representación sindical na Mesa Xeral de Negociación do pasado 23 de xuño

Venres, 21 de agosto de 2026
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Xunta de Goberno Local aproba o proxecto de Regulamento da carreira profesional tralo acordo unánime acadado coa representación sindical na Mesa Xeral de Negociación do pasado 23 de xuño

A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe o proxecto de Regulamento da carreira profesional horizontal e da avaliación do desempeño do persoal do Concello de Lugo, dando un paso decisivo para facer realidade un sistema que permitirá recoñecer a experiencia, a formación e o desempeño dos 571 traballadores e traballadoras municipais.

A proposta chega despois do acordo unánime acadado na Mesa Xeral de Negociación do pasado 23 de xuño, froito do diálogo e do traballo desenvolvido entre o Goberno local e a representación sindical.

Que é a carreira profesional?

A carreira profesional, tal e como establece o artigo 16 do Estatuto Básico do Empregado Público, é o conxunto ordenado de oportunidades de ascenso e expectativas de progreso profesional conforme aos principios de igualdade, mérito e capacidade.

O sistema ordinario da carreira profesional horizontal, permite ao persoal progresar profesionalmente sen necesidade de cambiar de posto de traballo.

No caso do Concello de Lugo será de aplicación ao conxunto do persoal municipal, incluído o persoal funcionario interino e o persoal laboral, e estará estruturado en diferentes graos, entendidos como etapas sucesivas dentro de cada grupo profesional. A progresión estará vinculada a unha avaliación obxectiva e regulada, conforme aos requisitos establecidos no Regulamento (periodo de 3 anos para a súa aplicación total e efectiva).

Obxectivos da carreira profesional

O artigo 2 do proxecto de Regulamento aprobado hoxe establece como obxectivos da carreira profesional horizontal:

  • Recoñecer a achega do persoal desta entidade á mellora da calidade dos servizos públicos que presta o Concello de Lugo.
  • Distinguir ao persoal, outorgándolle un recoñecemento obxectivo á súa competencia profesional individual.
  • Xerar máis corresponsabilidade do persoal e fomentar a cultura do compromiso co sistema público, promovendo a actualización dos seus coñecementos e competencias e a mellora da súa cualificación.
  • Lograr un maior nivel de motivación do persoal que persista e que se reforce ao longo da súa vida laboral e, con iso, propiciar a mellora da xestión dos servizos públicos.

Recursos que non chegaron a executarse

Durante a rolda de prensa a alcaldesa fixo unha reflexión indicando como “o orzamento de 2025 destinaba 37.769.342,58 euros aos gastos de persoal, mentres que na liquidación dese exercicio, correspondente á xestión dos anteriores gobernos municipais, o gasto efectivamente executado situouse en 32.861.974,43 euros. Isto significa que 4.907.368,15 euros dos recursos previstos para o persoal municipal non chegaron a executarse, case un 13 % do orzamento destinado á plantilla”.

Son recursos que estaban previstos para atender as necesidades de persoal e que o anterior goberno non chegou a empregar, unha realidade que evidencia a necesidade de dimensionar correctamente a plantilla e aproveitar os recursos destinados ao persoal para mellorar a Administración local e os servizos públicos.

Nesa liña, a alcaldesa, nos tres meses que leva no goberno impulsou medidas para reforzar e ordenar a plantilla municipal, como Ofertas de Emprego Público sectoriais da Policía Local e dos Bombeiros; a execución de sentenzas pendentes e acordos que permitiron recuperar a actividade da Banda Municipal ou reabrir a Escola Municipal de Música.

A aprobación do Regulamento da carreira profesional súmase a este traballo para mellorar a Administración, reforzar os servizos públicos e recoñecer a progresión profesional do persoal municipal. “O que hoxe aprobamos é un éxito porque damos un paso importante na carreira profesional e porque con este instrumento brindamos ao persoal municipal expectativas de progreso baseadas en criterios obxectivos, como a formación e a antigüidade, protexéndoo de decisións discrecionais”.

A proposta da carreira profesional continuará agora a súa tramitación administrativa e se elevará ao pleno de setembro para a aprobación inicial  e os posteriores trámites previstos para a súa aprobación definitiva.

Información sobre a proposta da carreira profesional

No artigo 10 fixase a contía do complemento de carreira para cada grao segundo o grupo ou subgrupo profesional. O Regulamento establece que o grao inicial da carreira profesional horizontal non terá aparellada retribución. A partir deste, os graos I, II, III e IV darán lugar ao cobro dun complemento de carreira profesional de carácter fixo, cunha contía anual diferente segundo o grupo ou subgrupo de clasificación profesional. Así, o complemento por cada grao é de 2.800 euros no grupo A1, 2.600 euros no A2, 2.400 euros no B, 2.200 euros no C1, 2.000 euros no C2 e 1.800 euros nas Agrupacións Profesionais.

Para determinar o importe anual do complemento de cada persoa, sumaranse as retribucións correspondentes aos graos recoñecidos, ata un máximo de catro graos. No caso de recoñecemento de graos en distintos grupos ou subgrupos, aplicaranse os correspondentes ao grupo ou subgrupo coa maior retribución. As contías percibiranse en 14 mensualidades e actualizaranse anualmente conforme á porcentaxe de incremento que establezan as sucesivas Leis de orzamentos do Estado para as retribucións do persoal ao servizo das Administracións Públicas.

Tamén segundo o informe de intervención, a aplicación da carreira profesional será paulatina e gradual, co obxectivo de non afectar á estabilidade orzamentaria e á sustentabilidade financeira.

O informe técnico de intervención tamén sinala que non se aprecia inconveniente en que o complemento de carreira e o complemento de produtividade coexistan, sempre que non se produza unha duplicidade na retribución dun mesmo feito.

Así mesmo, conclúese que é perfectamente posible e válido para o Concello aprobar o Regulamento de Carreira Profesional, aínda que a súa aplicación efectiva deberá ter en conta as limitacións establecidas en cada momento polas Leis de orzamentos do Estado anuais.

Multimedia

  • A Xunta de Goberno Local aproba o proxecto de Regulamento da carreira profesional tralo acordo unánime acadado coa representación sindical na Mesa Xeral de Negociación do pasado 23 de xuño

Noticias relacionadas