- Tema

As tres administracións comprométense a colaborar na limpeza e mantemento dos terreos da súa titularidade e no estudo de novas medidas preventivas
Representantes do Concello de Lugo, da Deputación Provincial e da Xunta de Galicia mantiveron esta mañá, na Casa do Concello, unha reunión interadministrativa para abordar a problemática derivada do incremento da presenza de xabarís no municipio, especialmente nas proximidades de zonas habitadas e no casco urbano.
O Concello de Lugo agradece a lealdade institucional demostrada durante o encontro e manifestaron a súa plena disposición para traballar de maneira coordinada na procura de solucións que permitan reducir a presenza destes animais nos núcleos de poboación e minimizar os riscos asociados.
Durante a reunión púxose de manifesto que a proliferación de xabarís en zonas urbanas e periurbanas constitúe un problema crecente de salubridade e seguridade para a cidadanía. A súa presenza pode provocar situacións de perigo para as persoas, riscos para a seguridade viaria, accidentes de tráfico e danos en propiedades, espazos públicos, infraestruturas e cultivos.
As administracións participantes coincidiron en que unha das principais medidas para afastar estes animais das zonas poboadas consiste en evitar que atopen refuxio e alimento nas súas proximidades. Para iso, resulta imprescindible manter en boas condicións de limpeza, roza e conservación tanto as parcelas de titularidade pública como as propiedades privadas.
Neste sentido, Concello, Xunta e Deputación salientaron que as administracións públicas deben actuar de maneira exemplar no mantemento dos terreos da súa competencia, como paso necesario para poder solicitar á cidadanía o cumprimento das súas obrigas de limpeza, conservación e xestión da biomasa nas parcelas e soares.
Entre as medidas destinadas a avanzar neste obxectivo atópase o bando municipal sobre limpeza, mantemento e xestión da biomasa, a través do cal o Concello de Lugo lembra ás persoas propietarias e responsables de parcelas e soares a obriga de manter os terreos nas condicións legalmente esixibles de seguridade, salubridade e ornato.
O bando establece a necesidade de realizar os traballos de limpeza, roza, desbroce e retirada da vexetación, evitando acumulacións de biomasa que poidan xerar riscos para as persoas e os bens ou facilitar que os animais atopen refuxio preto de vivendas, vías, equipamentos e outras zonas frecuentadas pola cidadanía.
Esta iniciativa municipal, que inclúe actuacións de inspección, comprobación e requirimento, considérase unha ferramenta relevante para mellorar o estado de conservación dos terreos e contribuír ao obxectivo común de reducir a presenza de xabarís nos núcleos habitados.
A institución provincial puxo á disposición das administracións a súa asistencia técnica e ambiental, a información territorial e cartográfica, a coordinación supramunicipal cos concellos da contorna e a colaboración nas actuacións que afecten ás estradas, bens e infraestruturas da súa titularidade e xunto coa Xunta de Galicia trasladaron a súa vontade de colaborar nesta materia. Pola súa parte, a Xunta de Galicia, no ámbito das súas competencias, ofreceu ao Concello a posibilidade de formalizar un convenio para a instalación de medidas de prevención destinadas a reducir a entrada e a presenza de xabarís en determinados puntos do municipio.
Así mesmo, a Deputación lembrou neste punto o esforzo realizado este ano no mantemento da rede viaria provincial, reforzando o Plan Provincial de Roza, contribuíndo a un mantemento máis continuo da vexetación nas marxes da rede viaria da súa titularidade.
As tres administracións participantes, na medida das súas competencias, comprometéronse a manter aberta esta vía de coordinación, avanzar na identificación das zonas máis afectadas e estudar medidas conxuntas de prevención, limpeza e mantemento que contribúan a garantir a seguridade e o benestar da cidadanía.

