O Concello activa un dispositivo especial de seguridade e limpeza con motivo da final entre España e Arxentina

Sábado, 18 de xullo de 2026
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello de Lugo activará un dispositivo especial de seguridade con motivo da final entre España e Arxentina, prestando especial atención á zona da Fonte do Rei, onde tradicionalmente se concentran as celebracións unha vez rematan este tipo de encontros deportivos.

Para garantir a seguridade e regular a circulación nesta contorna, a Policía Local reforzará o operativo con sete axentes máis, que se sumarán ás dúas patrullas que prestan servizo habitualmente, ademais dun equipo de Atestados. Estes efectivos encargaranse de controlar os accesos e os cortes de tráfico previstos na zona.

A partir das 23.00 horas permanecerá cortada ao tráfico a Avenida de Ramón Ferreiro á altura de Mariña Española, así como as rúas Cornubia, Eirín e Xosé Castiñeira. Ademais, córtase a Avenida de Madrid á altura da Rolda das Mercedes , desviándose a circulación pola Avenida da República Arxentina e pola rúa Santiago. O Concello recomenda ás persoas que, unha vez rematado o encontro, se despracen andando ata a Fonte do Rei para participar nas posibles celebracións.

Asemesmo durante o encontro se incrementará a presenza da policía local no centro e na contorno da Praza de Santa María, onde estará instalada a única pantalla xigante da cidade e onde se estima a asistencia dunhas 2.500 persoas para seguir a final. Neste caso se colaborará co operativo que depende da polícía nacional.

O Concello fai un chamamento á responsabilidade e á colaboración cidadá para que a xornada transcorra con total normalidade. Recoméndase seguir en todo momento as indicacións dos axentes, evitar acceder ás zonas restrinxidas ao tráfico, prestar especial atención ás pertenzas persoais nas zonas de maior afluencia de público e, no caso de ausentarse do domicilio para seguir o encontro ou participar nas celebracións, comprobar que portas e ventás quedan correctamente pechadas.

Limpeza

Así mesmo, o Concello activará un dispositivo específico de limpeza. Na Praza de Santa María colocaranse catro contedores para favorecer a correcta xestión dos residuos e, unha vez remate o partido, realizarase unha primeira limpeza intensiva da zona. Os traballos completaranse a partir das 6.00 horas coa intervención de dúas varredoras mecánicas e un operativo de baldeo, co obxectivo de que o espazo recupere a normalidade á maior brevidade posible.

 

Noticias relacionadas