O Concello inicia os trámites para solicitar a instalación de cámaras de videovixilancia na contorna de locais conflitivos da Milagrosa

 A decisión, que dá continuidade ao plan impulsado polo Goberno local para reforzar a seguridade cidadá e a convivencia está avalada polos informes da Policía Local, da Policía Nacional e da Asesoría Xurídica municipal

Venres, 24 de xullo de 2026
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello inicia os trámites para solicitar a instalación de cámaras de videovixilancia na contorna de locais conflitivos da Milagrosa

A seguridade cidadá é unha prioridade para este Goberno. Desde o primeiro día asumimos o compromiso de impulsar medidas concretas para mellorar a convivencia e ofrecer á Policía Local máis medios para desenvolver o seu traballo con maior eficacia. 

Nesa liña, o Goberno local recuperou a Mesa Permanente de Seguridade da Policía Local, como órgano de análise e seguimento das incidencias na cidade; impulsou a incorporación de novos efectivos mediante a Oferta Pública de Emprego e as prazas de mobilidade, co obxectivo de reducir os tempos de incorporación dos axentes no cadro de persoal. 

Un paso máis 

A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, anunciou o inicio dos trámites para solicitar a autorización necesaria para instalar cámaras de videovixilancia na contorna dos locais conflitivos da zona da Milagrosa.

A iniciativa non responde a unha decisión discrecional do Goberno, senón que está avalada polos informes técnicos incorporados ao expediente, elaborados pola Policía Local e pola Policía Nacional, aos que se suma o informe emitido pola Asesoría Xurídica municipal. 

Neste sentido, o informe da Asesoría Xurídica recolle expresamente que "dos informes que constan no expediente emitidos polos máximos responsables da Policía Nacional e Local despréndese a existencia dun repunte na actividade delictiva nalgunha zona concreta e identificada da cidade de Lugo e a necesidade e conveniencia da instalación de cámaras de videovixilancia como medida, en primeiro lugar preventiva en materia de seguridade cidadá e tamén como favorecedora da investigación dos feitos delituosos". 

O mesmo informe lembra que esta actuación se atopa regulada pola Lei Orgánica 4/1997, que contempla a utilización de videocámaras polas Forzas e Corpos de Seguridade en lugares públicos para garantir a convivencia cidadá, o uso pacífico dos espazos públicos e a prevención de delitos e infraccións vinculadas á seguridade pública. Ademais, precisa que "non estamos ante unha simple videovixilancia patrimonial ou de edificios municipais, senón ante videovixilancia policial en espazo público", polo que a instalación require a correspondente autorización da Delegación do Goberno. 

Por tanto o Concello remitirá a solicitude á Subdelegación do Goberno, administración competente para tramitar e resolver esta autorización conforme ao procedemento establecido na normativa vixente.

Elena Candia destacou que "o noso compromiso é seguir adoptando medidas útiles e eficaces para reforzar a seguridade cidadá e a convivencia, sempre con base en criterios técnicos, dentro da legalidade e dotando á Policía Local das ferramentas necesarias para desenvolver o seu traballo nas mellores condicións".

 

Noticias relacionadas