O Concello recoñeceu a título póstumo a traxectoria profesional e humana do xornalista e o vínculo que mantivo durante toda a súa vida con Lugo e Galicia
- Tema

O Concello de Lugo celebrou o pasado venres o acto institucional de nomeamento de Fernando Ónega como Fillo Adoptivo da Cidade de Lugo, a título póstumo, nunha cerimonia celebrada no Salón Rexio do Círculo das Artes e presidida pola alcaldesa, Elena Candia.
Familiares, amizades e representantes da sociedade lucense participaron nunha homenaxe coa que a cidade recoñeceu a traxectoria dun dos grandes referentes do xornalismo español e, de maneira especial, o profundo vínculo que Fernando Ónega mantivo ao longo de toda a súa vida con Lugo e Galicia.
A cerimonia comezou coa lectura de “Galicia”, de Manuel María, a cargo de Gustavo Díaz e acompañada ao piano por Roberto Frías. O poema introduciu o fío condutor do acto: a vinculación de Fernando Ónega coa súa terra e cunha identidade galega que mantivo presente independentemente do lugar no que desenvolveu a súa carreira profesional.
Julio Méndez, impulsor da iniciativa
Tomou a palabra en primeiro lugar Julio Méndez Menéndez de Llano, amigo de Ónega e promotor da campaña cidadá que desembocou na concesión da distinción. Méndez repasou a súa traxectoria persoal e profesional e defendeu o nomeamento como unha forma de devolverlle parte do cariño que Ónega sempre amosou pola cidade. Resumiu a súa figura como a dun “buen amigo, un buen lucense, un gran comunicador”, poñendo en valor tanto a dimensión persoal de Ónega como unha longa carreira profesional marcada pola comunicación e pola súa permanente vinculación con Lugo.
Feijóo lembra a súa dimensión humana e profesional
A continuación participou Alberto Núñez Feijóo, amigo persoal do homenaxeado, quen centrou a súa intervención na figura de Ónega como xornalista e como testemuña privilexiada de máis de cinco décadas da historia recente de España. Afirmou que "a democracia española non sería a mesma se Fernando non lle puxese as palabras".
Feijóo puxo en valor a capacidade do comunicador para explicar a actualidade e destacou a súa permanente identificación con Galicia e con Lugo.
Entrega do diploma e das placas
O concelleiro de Cultura e Educación, Javier Vázquez, deu lectura á acta de concesión do título. A continuación, a alcaldesa de Lugo, Elena Candia, xunto á viúva de Ónega, Ángela Rodrigo, e aos seus fillos, Cristina, Sonsoles e Fernando, subiron ao escenario para a entrega do diploma enmarcado e das placas conmemorativas á familia.
Ángela Rodrigo tomou a palabra en nome da familia para agradecer o recoñecemento da cidade e lembrar a relación persoal e afectiva que Fernando Ónega mantivo sempre con Lugo: "camiñar ao seu carón era percorrer ao mesmo tempo a cidade e a súa memoria". A viúva do xornalista protagonizou unha das intervencións máis emotivas do acto, falando en nome de toda a familia: "Todos os veráns volviamos a Lugo, coa ilusión de quen volve á casa".
A música galega, presente durante toda a homenaxe
Despois das palabras de Ángela Rodrigo. A cantante Noemí Mazoy subiu ao escenario para agasallar á familia coa canción favorita de Fernando Ónega, Un canto a Galicia.
Posteriormente, o sexteto vocal Cántico Doméstico interpretou “Negra sombra”, de Rosalía de Castro, e “Terra meiga”, completando un apartado musical no que tamén estiveron presentes ao piano pezas Lela, Cantiga de Camariñas, Unha noite na eira do trigo, Anduriña e Adeus ríos, adeus fontes.
Candia destaca un recoñecemento “necesario, de agradecemento e de xustiza”
Pechou as intervencións a alcaldesa, Elena Candia, quen reivindicou a conveniencia de recoñecer figuras que constitúen referentes polo seu percorrido profesional e humano.
A alcaldesa puxo especialmente en valor a vinculación de Ónega con Lugo e o feito de que mantivese sempre presentes as súas raíces. Candia trasladou tamén o agradecemento da cidade á familia e subliñou que o nomeamento permite incorporar formalmente a Fernando Ónega á memoria institucional de Lugo, recoñecendo unha relación que o propio xornalista cultivou durante toda a súa vida. Ónega foi "parte imprescindible da nosa historia”.
O acto concluíu co público en pé para escoitar e cantar o Himno Galego, pechando unha cerimonia na que a palabra, a música e as raíces galegas serviron para lembrar a figura e o legado de Fernando Ónega.







