A Concellería de Educación e Difusión do Coñecemento e a Escola Luguesa de Xadrez organizan esta cita dentro da programación anual dedicada a este deporte
O torneo, dirixido a estudantes de ensino medio, reunirá a máis de 120 mozos e mozas no soto da Praza de Abastos

A Concellería de Educación e Difusión do Coñecemento do Concello de Lugo, en colaboración coa Escola Luguesa de Xadrez, continúa coa programación anual dedicada a este deporte cunha nova edición do Torneo de Ensino Medio, que terá lugar o vindeiro xoves 26 de marzo.
O torneo está dirixido a estudantes de centros educativos de ensino medio. Cada centro poderá participar cun máximo de 25 representantes, e tamén poderá sumarse profesorado ou persoal do centro que desexe participar. Cada ano, esta cita reúne a máis de 120 mozos e mozas, consolidándose como unha das actividades de xadrez escolar máis destacadas da cidade.
A competición disputarase a cinco roldas, con partidas cun ritmo de 10 minutos máis un incremento de 3 segundos por xogada.
A Tenencia de Alcaldía do Concello de Lugo mantén así o seu compromiso por achegar actividades educativas e deportivas aos centros escolares, organizando un ano máis estes torneos que terán lugar nun espazo emblemático da cidade como é o soto da Praza de Abastos. Estas iniciativas buscan fomentar o pensamento estratéxico, a convivencia e o interese polo xadrez entre a mocidade lucense.
Audio
- Iria Buide, sobre o Torneo de Ensino Medio de xadrez | Descargar mp3



